Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/08/10

Galicia arde ben

Galicia segue a arder e os galegos seguimos queimándoa. Pero... que imos agardar dun pobo que é quen de avergoñarse da súa propia lingua? Destruír a súa natureza quizais sexa para este un mal menor. No horizonte, fume gris. Cada vez máis negro. Nin o pobo nin os seus gobernantes son quen de parar todo isto, algo que só se soluciona, unha vez máis, coa palabra máxica: EDUCACIÓN. Que raios significará isto?, preguntarédesvos.
Onte comentaba unha amiga catalá que ao chegar a Galicia alucinaba con diversos puntos luminosos que nas autoestradas proclamaban que non se tirasen as cabichas polas ventás dos coches debido ao perigo de incendios. Algo impensable en Cataluña, onde o nivel de educación é, por suposto, moi superior: alí ninguén tira nada pola ventá, sexa cal sexa a época do ano. EDUCACIÓN, volvín exclamar, esa é a única explicación e a única solución.
Se miramos atrás, cada verán que vén terriblemente quente coma este, lémbrome mirando con horror as novas sobre os lumes da nosa terra. O último, o 2006. Pero houbo máis. Creo que foi no 89 -máis ou menos- cando tiven que ir a Baiona a unha voda: desde Lalín entre lumes constantes. Era irrespirábel o ambiente. Só non arde Galicia cando chove. Esa é a nosa política forestal. E xa van anos.
Os montes están, máis ca nunca, a monte. Ninguén os coida. As silvas e os toxos campan as súas anchas e son máis fáciles de queimar. As nosas árbores autóctonas van desaparecendo para ser substituídas absurdamente por eucaliptos e piñeiros. Non se repoboan os montes queimados. Pasear por Galicia resulta decepcionante nalgúns puntos: as rochas que permanecen despois de marchar a terra pola erosión mandan alí. Ningún goberno ten tempo para preocuparse por estas nimiedades, xa que non son os montes os que votan; ben sabemos, desgrazadamente, que o único que lle importa aos políticos son medidas que carreten votos, populistas, vaian en contra do sentido común ou de calquera ollada profunda e desinteresada. Os montes quéimanse, principalmente, porque non son rendibles. Tan difícil resulta facer unha política que cambie esta situación? Sabemos que non. E máis en épocas de crise. Falando de crise, agora escudaranse nela para reducir os investimentos en Educación. Volvemos, unha vez máis, á palabra clave.

Poderiamos seguir, porque realmente o cabreo literal que sinto por amar un país que non sabe respectarse a si mesmo nin a nada, que non é consciente do mal que lle fai ao medio ambiente en xeral, do problema de desertización (cantas veces teño que oír que neste país sobra a auga?) e de mil males máis que traen os incendios, e que sei que a única solución radica en educar aos seus habitantes e que malas trazas levamos... eu, educadora impotente, xúrovos que arestora só me gustaría marchar ao norte de Europa a varrer as súas rúas. Pola súa educación seguramente haberá pouco que varrer.

E mañá, a ver se chove.



3 comentarios:

Encarna dixo...

E por fin chove!!!!!!
Un saúdo.

biblioiris dixo...

Totalmente de acordo, só que son algo máis vella e recordo os incendios creo que do 1972. Na nosa casa, case en Pontevedra capital, non se podía saír a xardín porque caían muxicas, non podías abrir unha fiestra porque entraba bafaradas de fume, non se podía respirar, para saír tiñas que tapar a boca... Van aló 38 anos e todo segue o mesmo. Ninguén ve que no Barbanza xa hai claros que non tapan nin os mofos, que o mesmo pasa no Morrazo, etc. Non hai conspiracións, hai falta de EDUCACIÓN dende os de máis arriba que por non saber non saben nin que o monte si é rendible se se sabe aproveitar.

Ronsel dixo...

Si, os nosos políticos só reflicten as carencias da sociedade: un país de mulas dirixido por mulas. Isto é o que hai, desgrazadamente.
E sempre agardando pola choiva bendita e amada...

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.