Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/10/10

Historias de mestre Raposo

Faktoría K achéganos na nosa lingua este cómic do francés Bruno Heitz: Le Roman de Renart, Historias de mestre Raposo. Tal como non indican na editorial:

Le Roman de Renart, Mestre Raposo, é unha das obras literarias máis antigas escritas en francés. Foi redactada en forma de poemas durante os séculos XII e XIII para parodiar a épica e a novela cortesá da época. Os sucesos que se narran transcorren nunha sociedade animal, antropomórfica, e o seu principal protagonista é Renart, o raposo.
As historietas, distribuídas en capítulos, remóntanse á época medieval: a fame e a penuria acucia os máis desfavorecidos e Mestre Raposo utiliza o enxeño para conseguir alimentos para a súa familia. Este retrato social ambiéntase nun contexto lingüístico acorde, no que os personaxes utilizan fórmulas de respecto para dialogar. Fronte á avaricia dos máis podentes, Mestre Raposo actúa con astucia, exprésase con ironía e fai do engano a súa arma de supervivencia. Ata que o seu maior inimigo o delata ao rei, que o reclama para axustizalo. O desenlace queda en suspenso ata a publicación da segunda parte do libro.
Bruno Heitz adapta este clásico ao cómic e ofrécenos en divertidas viñetas as trepidantes aventuras deste ousado e descarado personaxe que cuestiona a orde establecida.
Á marxe da historieta, Bruno Heitz “deslocaliza” a Maese Zorro e o seu rival para situalos na súa propia casa, en Saint Rémy de Provence, ao sur de Francia.

A min gustoume, paréceme boa elección para os coles e pode dar moito xogo. Creo que os debuxos lles van encantar aos máis pequenos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.