Francisco Castro lévanos de viaxe en O segredo de Marco Polo á Venecia -marco intemporal de calquera novela- do século XIII para nos falar do tema máis universal: o amor -tema atemporal e recorrente-. Amores fieis que permanecen no tempo, amores paternais, amores incipientes, amores frustrados, amores filiais... Por suposto, tratándose do mítico viaxeiro, ademais de percorrer as ruelas venecianas, viaxaremos ata China e Mongolia, ata países daquela impensables e descoñecidos: un xeito de devolver a fascinación da nosa nenez por ese mítico personaxe a quen ninguén foi capaz de crer agás neste libro o pequeno Marco, quen sente latexar dentro de si os mesmos anceios de viaxe e aventura que sentiu o vello Polo; estas aventuras están repartidas pola novela, non condensadas nun só capítulo, o que provoca que o lector, coma Marco, queira seguir escoitándoas. Creo que detrás hai un gran labor de documentación.
As personaxes femininas aínda que menos presentes na obra son interesantes desde o punto de vista propio: dotadas ou non de fermosura, son valentes, libres, algo que semella case incrible naquel tempo. Gústame que lle dea esas ás. O que menos me gusta é, ás veces, ese narrador omnisciente que mesmo dá a súa opinión sobre o que está a acontecer, que se inmisce na historia, que resulta repetitivo. E o final, sempre previsible, non sei se inevitable na literatura xuvenil.
Unha novela para ter en conta e recomendárllela aos mozos e mozas dos nosos centros de ensino.
Unha novela para ter en conta e recomendárllela aos mozos e mozas dos nosos centros de ensino.
1 comentario:
Grande literatura!!
Por certo, teño na miña estantería un exemplar adicado para ti, doumo om autor no Festigal.
Publicar un comentario