Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/11/10

Diario secreto de Pulgarcito


O Diario secreto de Pulgarcito editado por Edelvives chama a atención por moitos motivos. En primeiro lugar, o "físico": de tamaño reducido e groso, moi groso para ser un álbum ilustrado. Tanto que semella máis unha novela gráfica. Logo, o contido, o diario rimado de Pulgarcito onde este conta a súa vida diaria antes de se perder no bosque, a fame, a familia, os veciños, o que ocorre logo... cunha fina ironía que fai a delicia de calquera lector ou lectora que lembre o conto de Pulgariño cando nolo contaron de pequenos; un personaxe listo que será quen de devolver a comida a unha poboación famenta. Se a todo isto engadimos que a ilustración corre a cargo de Rébecca Dautremer, pouco nos queda por dicir, agás que o autor é Philippe Lechermier, si, si, o mesmo có de Princesas e tantos outros! Ou sexa, unha pequena xoia con portada vermella como non podería ser doutro xeito vindo desta combinación artística-literaria. Ou sexa, un deses libros para os que cómpre sentarse unha tarde de domingo chuviñenta, un café na man, e a gozar da maxia que nos agasallan.
Así que xa sabedes como pasar unha tarde de inverno absolutamente deliciosa. Logo non digades que non hai que facer!!!



Actualización: cómpre que leades a entrada tan completa que nos ofrecen en Porto do Son.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.