Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/11/10

A Quinta de Saler

Agardando a visita de Antón Riveiro Coello mañá no instituto de Forcarei, recuperamos a lectura deste libro publicado por vez primeira no ano 1999.
A Quinta de Saler é, segundo a miña opinión non compartida pola maior parte do meu alumnado de 4º de ESO, unha obra que atrapa desde as primeiras liñas, posto que é diferente: tres historias simultáneas nas súas páxinas achegan a elaboración dunha novela coma se dunha partida de xadrez se tratase ao mesmo tempo que sabemos dun xuízo por un accidente e coñecemos os tres protagonistas dunha das historias e desencadeantes das outras dúas. Interesante o xeito de casar a intrahistoria que escriben ao mesmo tempo que sabemos das súas vidas: unha narración baseada en lugares e feitos reais que se apropiarán do interese creativo dunha das escritoras contratadas.
Para min, unha novela ben escrita, ben estruturada e entretida, moi recomendable. Saberemos a opinión do alumnado no blogue das Estelas en breve.
Non sei se nalgún momento Antón Riveiro Coello manifestou quen se agochaba detrás dos personaxes, pero ben seguro que mañá será unha das preguntas principais do alumnado.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.