Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/12/10

El invierno del dibujante

Un cómic que pretende, conseguíndoo, ser unha homenaxe aos comiqueiros dos anos 50-60. Paco Roca en El invierno del dibujante, publicado por Astiberri, recrea unha historia de dignidade. Ambientada no franquismo, con todo o que iso supón, un grupo de homes que pretende ser máis independente e dar forma a un soño de autonomía que daquela era imposible, porque, ao cabo, hai que comer. E para comer hai que andar os camiños que xa veñen marcados. Interesante tamén para coñecer as trastendas que os lectores apenas entrevemos: editorias e distribuídoras poden acabar ou non co talento dos autores.
Sorprendeume desagradablemente a cor da edición: demasiado forte e escura, ás veces ata semella difícil a lectura, o que resta calidade ao cómic. Se ben é orixinal o cambio de cor segundo as épocas, segundo a estación e a época, boto de menos que o tamaño do libro non sexa meirande. Por iso, aínda que a idea me gusta e me resultou moi interesante coñecer os nomes e as dificultades destes homes que tanto humor nos agasallaron na infancia, quédome con outras obras deste mesmo autor. Porén, penso que é un traballo moi interesante, hai escenas moi chamativas (a do bar, as croquetas...) e, como xa dixen, a historia que nos conta, así como os diálogos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.