Sabemos dende hai uns días do peche da Biblioteca Social Integratex de Allariz: unha biblioteca que naceu hai 3 anos coa intención de ser unha canle de integración para persoas con discapacidade. Tiña tecnoloxía avanzada (ordenadores adaptados) e bibliografía específica. Dende aquí sentímonos na obriga de dar o noso pesar polo peche dunha biblioteca tan necesaria e puxémonos en contacto cunha compañeira do PLAMBE, María. Estas son as as súas palabras:
A súa apertura coincidiu coa entrada do meu centro no PLAMBE, é máis, un dos puntos nos que se baseaba o noso proxecto era a colaboración con esta biblioteca xa que nos parecía unha vía estupenda para atender a atención á diversidade.
Comezamos a organizar actividades e incluso chegamos a crear un club de lectura: lecturas solidarias".
O que máis destacaría eu aparte do traballo realizado no centro foi a aprendizaxe persoal que recibín xa que en moitos aspectos coñecer a esta xente e ver a ilusión coa que traballan, axudáronme a non perder moitas veces a esperanza e crer que se queres podes conseguir todo.
Por iso, agora dáme tanta mágoa que a pechen xa que o meu alumnado estábase acostumando a ir alí e tamén o sentiron moito.
Con este escrito buscamos unicamente realizar unha pequena homenaxe ás persoas que traballaron nesa biblioteca:
As bibliotecas escolares do plan de mellora tivemos, recentemente, coñecemento do peche da Biblioteca Social Integratex no establecemento Massimo Dutti Outlet do Concello de Allariz. Perante tal feito Queremos deixar constancia:
1.- O noso total apoio ao labor que a Biblioteca Social Integratex viña realizando en colaboración co Equipo da Biblioteca Escolar do IES Allariz. Cremos nas Bibliotecas como prolongación e complemento natural do ensino formal na aula, así como lugar privilexiado para a construción de saber, a participación, a implicación social, a solidariedade e o respecto á diferenza.
2.- O noso apoio ás profesionais da Biblioteca Social (Laura Novelle e Silvia Cuquejo) que con ilusión e interese, fixeron posible unha colaboración estable coa biblioteca do IES de Allariz. Esta implicación co entorno é un compromiso que lles honra e mais un motivo de orgullo, estímulo e exemplo vivo para as bibliotecas que buscan no día a día a colaboración e a coordinación con outras da contorna.
3.- Considerando a responsabilidade da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) neste proxecto, cremos que o peche da Biblioteca Social supón dalgún xeito a renuncia desta entidade a un labor de formación e concienciación social que lle é propia, o que nos entristece porque contabamos con que estes proxectos foran ampliados e estendidos a outros lugares nos que outras bibliotecas escolares estabamos dispostas a traballar conxuntamente para facer posible a integración e a colaboración entre os centros docentes onde a rapazada con dificultades estuda e estes outros contedores culturais onde continúa atopando un lugar que lle é propio e onde atopa a información que precisa.
As bibliotecas escolares entendemos que a tarefa de educar en valores a futuros cidadáns plenos, capaces e libres de estereotipos sobre a discapacidade ou outras diferenzas das persoas (orientación sexual, xénero, raza, relixión...) non atinxe só ao ámbito educativo, senón a toda a sociedade e as súas entidades de acción social.
Mediante este escrito, queremos manifestar o noso pesar pola desaparición da Biblioteca Social Integratex e ofrecer o noso recoñecemento ao traballo das dúas bibliotecarias que a fixeron posible. Coa súa actitude e a súa ilusión, personifican o espírito que nos anima a seguir traballando cos mozos de hoxe polos adultos do mañá. ¡GRAZAS, COMPAÑEIRAS!
Se alguén de vós quere deixar constancia do seu apoio a este escrito, unicamente unhas palabras que o expresen, poden mandar un correo a: lauranovelle@gmail.com
Sen comentarios
Publicar un comentario