Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/03/11

Aprendendo a CDU

O Grupo de Traballo da Biblioteca do IES Fontem Albei de A Fonsagrada realizou este lipdub como unha actividade para a Formación de Usuarios co obxectivo de explicar a C.D.U. Este traballo serviulles, así o afirman, para lograr a implicación da comunidade educativa nun proxecto común e fomentar a participación e o bo ambiente entre todos e todas. Así o describen:

Despois de moitas horas ensaiando, horas pedidas aos compañeiros/as e moitos recreos "perdidos", no instituto da Fonsagrada temos o noso primeiro lipdub. Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar non queríamos facer un lipdub por facer senón contar unha historia (aproveitando as novas tecnoloxías), a historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca. Aproveitamos a historia para, ademais de dar a coñecer o centro e potenciar a biblioteca, recordar a CDU mediante a asociación de imaxes, números e cores, en definitiva, facer formación de usuarios. Nada do que aparece no vídeo está posto ao azar. Dende o título do mesmo "O final da conta atrás" referíndonos ao tempo que lle resta ao libro ata chegar á Biblioteca como as distintas esceas. Por exemplo, na entrada podemos ver unha escea que pretende rememorar tempos pasados, unha estampa dos anos 60-70, onde aparece un rapaz cun mapa de España detrás, inmediatamente outro cunha camiseta branca e co número 9 pretende recordar que se trata da área temática asociada á Xeografía, Historia e Biografías e así con outras (non con todas tamén metemos algunha trampa polo medio) Polo tanto é un lipdub pero tamén é un xogo (no que hai que fixarse e incluso parar a proxección para localizar os números e darse conta dalgunha escea curiosa que pasa) para a formación de usuarios. Non esquecemos tamén ironizar sobre algún dos prexuízos que pesan sobre nós ( a entrada na sala de profesores é todo un poema).


2 comentarios:

farangulha dixo...

algumhas andamos messes a dar-lhe voltas á ideia de aprender a CDU ao alunado dumha forma divertida. e depois vemos cousas como isto e só podemos dizer: CHAPEAU!

Ronsel dixo...

Si que é unha gran idea, é certo.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.