Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/04/11

Los combates cotidianos

Non hai moito que descubrín a Manu Larcenet. E descubrino precisamente coa primeira parte deste cómic que agora puiden ler integramente, mesmo con "extras", nunha edición Integral de Norma editorial, que ofrece ademais da propia triloxía unha aportación persoal do autor, o seu proceso creativo, as fotografías, os bosquexos, os seus pensamentos: "El cómic es un medio completo y muy rico. A mi modo de ver, solo se ve superado por la música".
E sigo a pensar o mesmo que hai tres anos: delicioso! O día a día que supón a nosa vida dá título ao libro: un combate cotián que supón erguerse cada mañá e seguir adiante. Claro que o protagonista é un tanto especial, unha alma extraordinariamente sensible que sofre ataques de ansiedade e que ten medo a calquera tipo de compromiso. Pero este chegará. En todos os sentidos. Posto que o lector asiste ao proceso de maduración do protagonista na súa relación coa familia, coa moza, coa vida.
Encántanme os debuxos, a cor, o diálogo... todo. Xa dixera daquela que Larcenet pasaba a ser un nome importante na miña relación cos cómics, e sigo opinando o mesmo: é imprescindible lelo. Fixádevos nos diálogos, na súa profundidade apenas agochada nesa realidade cotiá que nos describe: "¿Quiénes de nosotros tiene la suficiente cultura como para comprender por qué votan?. No votamos por un sistema de sociedad, sino por el reflejo mediático más tranquilizador...¡o peor aún, por tradición familiar!"
Non o dubidedes.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.