Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/05/11

El Muro

Peter Sis é o autor de El Muro. Crecer tras el telón de acero, publicado por Norma editorial. Un moi bo libro para achegar a explicación dos totalitarismos ao noso alumnado máis novo: como é vivir baixo unha ditadura, non poder expresar as túas opinións, non poder vestir como a un lle gusta, non poder pintar nin expresarse... estar baixo a continua tortura da censura e do medo, sabendo que son as propias familias quen poden traizoarte. O autor relata o antes e o despois da vida en Praga, o optimismo da revolución e as consecuencias nunca pensadas, o día a día dunha vida marcada polo odio e a súa posterior fuxida cara á democracia. Como explicar o que é vivir así? O mellor xeito: un cómic sinxelo que nos atrapa dende a primeira ata a última páxina. A vontade de vivir en liberdade e deixar atrás os horrores da represión é o fío condutor deste magnífico libro que só pretende deixar de agochar todo o que había detrás dun muro vergoñento que os humanos nos empeñamos en construír para afastarnos uns dos outros. Valados que aínda hoxe existen e que non conseguimos (ou queremos) derrubar.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.