Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/08/11

O mundo secreto de Basilius Hoffman

O outro día, paseando pola Feira do Libro de A Coruña, detívenme ante unha caseta que me chamou a atención: cómics de oferta e libros da editorial Urco, que teñen unha face especial para min. Conversando con quen estaba detrás dos libros expostos, faloume que era autor dun novo libro, amosándomo, e eu comenteille que levaba este blogue. Agasalloumo e eu asegureille que falaría del aquí, pero sempre, insistín, dende a sinceridade.
Recoñezo entón a miña preguiza. Estaba ante un libro de máis de 300 páxinas, de fantasía, que non me apetecía ler nin pouco nin moito. Ao pouco, chegoume a recomendación de Séchu Sende: el falou moi ben da lectura. Porén, seguía a ter unha certa prudencia: "coincidiremos Sechu e mais eu?"
Abrín a primeira páxina e comecei a ler. "Ah, non, un internado!", pensei. Xa estaba escamada: a sombra de Harry Potter é alongada. "Mal comezamos: tópicos!". Porén, aí remataron as miñas dúbidas. O mundo secreto de Basilius Hoffman. O ladrón de soños enleoume de tal xeito que tiven que devoralo case sen respirar. Fernando M. Cimadevila e Iván Valladares conseguen un volume extraordinario que pasará dende xa a formar parte da lista de lecturas recomendadas para o meu alumnado. A fantasía, por fin, ten un lugar privilexiado nos andeis da nosa literatura. O pracer da evasión total mentres devoraba as páxinas sucedíase con vertixe; mesmo penso que soñei cos seus personaxes nos momentos en que me deixaba vencer polo sono!
Malia ter algúns erros ortográficos que agardo ser recompoñan en próximas edicións, o libro é máis que recomendábel. Alédame telo lido, ter a oportunidade de coñecer o autor e alédame saber que os meus prexuízos, coma todos os prexuízos, deben ser vencidos sen miramentos. Se me deixase guiar por eles non o lería! E sería, de certo, un craso erro.
Como vedes, non hai refugallo: o libro conta coa súa propia páxina web, booktrailer... e unhas estupendas ilustracións.



Creo que podo garantirvos unhas cantas horas entretidas de vez. Parabéns!

4 comentarios:

josemariapicon dixo...

Un grande libro! unha boa historia! E uns grandes autores e mellores persoas :)

Estou impaciente pola segunda novela xa :)

Ronsel dixo...

Si, eu tamén a lerei con gusto. Grazas por achegarte.

Anónimo dixo...

Naturalmente que pasará a formar parte das túas "listas abertas". Lembra que no simposio dicías que mellor era ofrecer un abano de lectuas para que eles escollan. A verdade, agora fanando en serio, ten moi boa pinta e será das recomendacións de moitos docentes.

Ronsel dixo...

Pois iso, que formará parte do abano. A iso me refería

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.