Publica
Salamandra esta novela de
William Trevor,
Verano y amor. Un libro de ritmo lento e factura impecable que nos devolve a confianza na boa literatura: de xeito sumamente minucioso o autor vai amosando o que se di e o que non nunha pequena vila dos anos cincuenta: afectos e desafectos cotiáns que son tan reais que semella que estamos a vivir nunha daquelas casas dende a que podemos observar canto acontece e sucede dentro das demais. Pero tamén sentiremos o amor, a paixón, e o que ao final prevalece, a estima e o respecto, en suma, a lealdade. Curiosamente, son estes aspectos os que dan argumento e título pero que aportan menos páxinas: coñeceremos mellor a laxitude da vivencia diaria dos veciños que a propia paixón dos protagonistas, pero iso non nos incomoda: o libro procura unha fotografía detallada da sociedade rural irlandesa totalmente verídica que nos conmove, como tamén nos conmoverá canto podemos adiviñar detrás. A vida non é fácil, para uns máis que para outros, e comprenderemos en todo momento a Ellie, en todas as súas decisións, medos e paixóns.
1 comentario:
http://anchoasytigretones.blogsome.com/2011/09/10/verano-de-trevor/
Publicar un comentario