Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/10/11

Arde Galicia

Xa temos falado deste tema e segue sendo unha das miñas teimas, teima que se está a converter estes días nun desastre medioambiental de enormes proporcións, algo do que ningún medio oficial informa pero do que tod@s falamos nas pequenas tertulias. Vivimos baixo un manto de fume e choven muxicas, o único que pode caer tras días e días de incendios continuados. Unha situación que se prolonga no tempo pero que ata agora semellaba non ser demasiado importante, posto que non vin nas redes sociais ningunha mención ata hai un par de días. Un desastre ecolóxico tan ou máis importante que o de Prestige e o mutismo é absoluto. Por que non hai ningunha manifestación? Por que non se pide un máximo rigor? Onde está a intelectualidade que nos chama á acción noutras ocasións?
Eu estou indignada. Indignada cun país que queima. Indignada cun país que cala. Indignada cun país que acepta. Indignada cun país que sen formación vive resignado pase o que pase. Indignada cun país que destrúe canto posúe para quedar sen futuro.
Falando con xente que supostamente sabe -con cultura-, con profesorado, axentes forestais... a miña indignación vaise volvendo maior. Teño que oír cousas como que "non hai quen apague", "o monte non se dá tido limpo", "non se dá vixiado", "sempre houbo incendios"...
Cal é a raíz do problema? Xa dixemos unha vez que a clave de todo é a formación. Pero... canta formación necesita este país? O outro día, mentres escoitaba tales afirmacións, tentei explicar o meu razoamento cunha metáfora: se un día me doe unha moa, tomo un analxésico para a dor; se ao día seguinte me volve doer, tomo outro; ao terceiro día de dor vou ao odontólogo para extipar a raíz do problema, para buscar unha causa e unha solución. Pois cos incendios ocorre o mesmo: si hai que apagalos, pero o que hai que impedir é que se produzan. Pero semella que isto en Galicia é misión imposible. Por que non o é noutros lugares que teñen tanto ou máis monte ca nós?
Se entre a poboación é grave o que ocorre, máis grave se volve se miramos cara ao goberno. Ulo? Lembro que antes de gañar as elección vimos unha foto do presidente elegantemente vestido apagando un lume. Onde está agora este señor? U-lo goberno que resolva o que un país atrasado destrúe?
Levamos anos escoitando que o único xeito de coidar o medio ambiente é plantando árbores e coidando as que hai. En Galicia -non podía ser doutra maneira- facemos xustamente o contrario: queimamos as poucas árbores que van quedando. A cultura dun país mídese polo respecto ao medioambiente da súa poboación. Non quero ver eu un cadro indicativo da nosa cultura: dáme demasiada vergoña.
Este planeta non pode dar máis de si. Os humanos destrúeno pouco a pouco. Os galegos fano de vez.

Reproduzo unha frase que oín pronunciar a unha persoa achegada falando cuns nenos:

"As árbores, coma os libros, só lle fan ben á xente".

Agora só falta queimar libros para que o atraso sexa completo.

3 comentarios:

paideleo dixo...

Gustoume esa frase !.

Ronsel dixo...

Cal?

Anónimo dixo...

fixemos unha sociedade moi de terrazs e esquecemos a orixe rural da maioría de nós. Lembro cando a garda civil ía polas casas da miña aldea obrigando á xente que se agachava nas casas a ir apagar lumes. A maioría xa estaban no monte porque lles ía a vida nel.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.