Unha cousa curiosa que está a pasar coa realidade en Galicia é que cada vez é mais pequena. Todos estamos atentes á illa canaria de Hierro, porque alí a terra quere parir un monte máis, expandirse un anaco. Pois a min aínda me parece máis noticia o fenómeno galego. Cada día desaparece un cacho. Como a realidade mingua, tócalle a vez polo visto á Galicia virtual. Os traballadores da CRTVG avisan da situación de perigo dos medios de comunicación públicos. Unha esaxeración, segundo os directivos do ente. Pero resulta que dous dos profesionais que participaron como presentadores nun telexornal reivindicativo veñen de ser desaparecidos para o programa previsto para as eleccións do 20-N. Velaí. Non é pois unha metáfora isto que digo de que Galicia é cada vez máis pequena. Se desaparecen os bos presentadores de televisión, como Alfonso Hermida e Ana Pérez, o que non estará a pasar no país invisíbel!
Un dos pensamentos máis aproveitadas da Xeración Nós, unha desas "imaxes do desexo" que ancoran na memoria colectiva, foi aquel ao que deu forma de xeito eficaz Vicente Risco: "Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concibir nada grande". Vai ti a saber o que tiña na cabeza Risco naquel intre, mais a idea en si ten chispa contemporánea, é luminosa para o noso tempo. O tamaño non é o importante, agás na visión pornográfica da xeopolítica ou viceversa. Máis ben ocorre ao contrario. O maior benestar dáse nos países que non teñen complexo de tamaño nin saudades imperiais. Onde o importante, como nos círculos da cidade-xardín concibida por Ebenezer Howard, son as persoas, os servizos da comunidade, e os lugares de educación, traballo e lecer, todo unido en rede por transportes públicos e abeirado todo por sucesivos aneis de espazos naturais.
Pero volvendo a Risco, eu non vou facerme o chosco, seguindo a oftalmoloxía dominante no Antigo Reino, e proclamar que Galicia é pequena. O que si digo é que cada día vai a menos. Unha cousa é a crise e outra esta apoteose do ilusionismo, arte máxica coñecida tamén como O Escamoteo. A verdade é que sempre se falou de nós como un país máxico. Eu pensaba que se referían a unha estreita relación co transmundo, á persistencia da bruma, ao latexo panteísta, e tralalí e tralalá, manabú e manacá, que diría Chico César, mais non. Cando a xente estaba a dicir que Galicia era un país máxico estaba a pensar nun sentido absolutamente práctico. A maxia branca e mais a negra. A primeira grande arte; a do Escamoteo. Hai o escapismo, hai a prestidixitación, pero a arte máxica por excelencia é a do Escamoteo. O primeiro truco que mostra se hai madeira de mago ou non é o facer desaparecer unha moeda. Nin pomba, nin coello, nin andrómenas. De súpeto descubrimos que somos unha potencia mundial no Escamoteo.
É tanto o vicio que están escamoteando Galicia enteira. Dentro de pouco, imos ter que andar todos por cordas do zurcido dun país invisíbel.
Pobre país, si, o que cifra toda as súas esperanzas no AVE que o leve a Madrid! Mentres, en ningunha cidade galega se está a construír o tranvía e nas áreas metropolitanas os concellos de taifas son incapaces de pórse de acordo para o transporte público e crear e partillar outros servizos que suporían eficiencia e aforro, no camiño dunha Galicia posíbel que fose un modelo de cidade-xardín. E como o Goberno da Xunta aínda non chegou ao mínimo óptico de diferenciar soños e pesadelos, pois ninguén tira dese país posíbel, e os arqueólogos do futuro abandonado movémonos nun lugar que cada vez ten máis a forma dun Arquipélago do Caos que afoga os gromos de Cidade-Xardín, como os eucaliptais fan dos minguados espazos da biodiversidade un país invisíbel.
Non falo só do territorio físico, senón do mundo que chamamos Galicia, dese tecido de soños e sombras que urde a realidade, dese lugar que agora semella poboado por arqueólogos dun futuro abandonado. Pasamos en pouco tempo dun proceso de construción a un de deconstrución. Lembran? Galicia pasou de ter a sorte dun idioma propio, a ter un problema lingüístico do que había que operarse. Anos perdidos, enlamados nesa derrota do pensamento. Un país enguedellado nun meigallo divisorio. Hai algo máis triste que facerlle crer a unha xente que a lingua que herdou é algo prescindíbel, unha eiva! Dos fillos de solteira dicíase noutro tempo que eran "fillos da silveira". Pois así somos, neste tempo, neste país, os que falan o idioma galego: fillos da silveira. Ben pensado, é o mellor sitio onde se pode estar. A cantar na silveira como un paporroibo, como unha chasca.
Non digo que todas as cousas vaian a peor. Eu non vou competir en tristura con ninguén. Non vou participar no campionato da Apocalipse Final, porque ficaría de penúltimo. Podería dicir que son optimista por natureza. Miña nai contoume que cando nacín foi case dun chimpo. Non todas as cousas van a peor, pero todas van a menos. E un non é que teña grandes pretensións en canto a tamaño, mais tampouco aspira a ser cada vez máis pequecho. Nin a ver como mingua a realidade. Un día encóntraste sen a sala Nasa. A outro espertas e xa non hai Códice Calixtino. Ao seguinte, vas ao caixeiro e xa non hai Sistema Financeiro Galego. E agora? Pois vas á pantalla e xa non hai presentadores.
Ao tempo do escamoteo, volve esa sensación de ser periferia periférica. Porque unha cousa é que vivas no que os outros chaman periferia, pero outra cousa ben distinta é que ti te sexas periférico. A periferia é unha cousa psicoxeográfica. Hai quen se sente periférico en Galicia porque pensa que o centro está en Madrid, mais tamén hai quen se sente periférico en Madrid porque pensa que o centro está en Nova York. Así que a periferia e o centro, dalgún xeito, están na nosa cachola ou cosmovisión. Petisos, periféricos e máxicos! As desgrazas nunca veñen soas. Y aún por riba Arturo Mas que no nos entiende en castellano.
1 comentario:
Si, tamén os incendios minguan aínda máis o país. Aínda estamos a tempo de dignificalo. Ánimos
Publicar un comentario