Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/10/11

Gárdasme o segredo?

Hoxe sorprendíame e emocionábame con este artigo de Carlos Negro en Terra e Tempo. Foi moita a ilusión que me ocasionou ver reflectida na súa pluma os anceios que conforman este noso blogue. Agradézollo moito e, malia eu repetir moitas veces que a moita xente cómprelle unha cura de humildade, vou realizar un exercicio de auto-bombo que sei non debería. Prego o voso perdón, pero tentade comprendelo: Carlos consegue un decálogo que nin nós mesmos realizaramos.
Vaia dende aquí unha aperta a este poeta, profesor e amigo, a quen me gusta arruinar coa merca de libros.

O quince de outubro de 2011, así como quen non quere a cousa, produciuse un aniversario feliz na intrahistoria da cultura galega na rede, mais que se cadra pasou desapercibido para o común dos mortais.

E aínda que a afirmación anterior semelle unha brincadeira irónica nestes tempos de incerteza, asegúrolles que non se trata dunha miraxe producida por un optimismo infundado, senón dunha xusta homenaxe a un proxecto que non por humilde deixa de resultar significativo.

Poñamos, pois, a frecha no albo: o pasado quince de outubro de 2011, o blogue Trafegando Ronseis, coordinado por dous docentes galegos (Gracia e Anxo), chegou, logo de catro anos de labor constante no ámbito da difusión en rede, ao post número cinco mil. E, por suposto, a día de hoxe continúa a expandirse, pois non amosa síntomas de fatiga no seu ritmo de actualización.

Para aquelas persoas que aínda descoñezan a existencia deste blogue, diremos que constitúe un punto de encontro moi significativo para mantérmonos informados decote sobre todo aquilo que afecta á promoción dos hábitos lectores, a difusión dos actos culturais e artísticos xurdidos na comunidade escolar ou ao reseña crítica das novidades literarias máis destacadas en ámbitos tan suxerentes como o álbum ilustrado, a banda deseñada ou a novela gráfica, sen renunciar tampouco ao comentario de textos novelescos, poéticos ou teatrais. E sempre desde unha óptica que aúna a querenza pola literatura galega co repaso exhaustivo das alfaias literarias publicadas noutras linguas.

Pero Trafegando ronseis, sen afán de protagonismo, chega a ser moito máis que un blogue divulgativo sobre as diversas pólas do universo da lectura; representa tamén unha porta de acceso a mil e un contidos multimedia relacionados coa defensa da educación pública e dos principios pedagóxicos que, desde calquera parte do mundo, contribúen á loita a prol dun mundo máis libre e solidario.

Desde esta perspectiva interdisciplinar, Trafegando ronseis constitúe unha interesante ferramenta didáctica para a comunidade educativa, pois permite un acceso inmediato a unha atinada escolma de documentos audiovisuais tales como curtametraxes de animación, pezas documentais ou publicitarias, videoclips de carácter artístico... En definitiva, un calidoscopio de imaxes e palabras que, desde a imaxinación e a creatividade, nos axudan a ir establecendo un marco de análise crítica da realidade contemporánea.

Por todo isto, permitan que os anime a exerceren a curiosidade, para que así poidan xulgar por si mesmos se Trafegando ronseis é merecente dunha migalla de atención, sobre todo nestes tempos en que ficamos tan orfos de canles de información no noso idioma; e agardo que, logo da visita, saian convencidos de que existen espazos virtuais que van moito máis alá do rexoubeo tabernario ou do autobombo narcisista, para adicárense a unha promoción entusiasta de todo aquilo que resulta fermoso porque tamén trata de ser xusto.

E a modo de despedida, e como folla de ruta para internautas despistados, velaí van estes dez mandamentos que tratan de suxerir a tonalidade afectiva de Trafegando ronseis, é dicir, a dinámica esencial que lle presta alento ao seu discurso:

Decálogo ético de Trafegando Ronseis

1. Ama a lectura sobre todas as cousas.
2. Non tomes á lixeira a novela negra.
3. Garda os domingos para o sofá con libro.
4. Honra o labor das bibliotecas.
5. Descobre o mundo en mil curtametraxes.
6. Decláralle a guerra ao machismo.
7. Non renegues da escola pública.
8. Non despreces a banda deseñada.
9. Soña cada noite un álbum ilustrado.
10. Reza para que a última páxina non sexa a derradeira.

(Beizóns, Gracia; beizóns, Anxo)

1 comentario:

Anónimo dixo...

Moi ocurrente, a verdade. Aínda con ese toque de catecismo soa moi ben estaloubanza.
Parabens de novo.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.