Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/11/11

Contos por teléfono

Que podemos engadir nós a un libro que está escrito por Gianni Rodari, publicado por Kalandraka e ilustrado por Pablo Otero? Que paga a pena é indubidable, que deberiades mercalo cae de caixón, que ides gozar coa súa lectura é ben sabido...
Rodari é un clásico, un escritor que sabe achegarnos coma ninguén a fantasía e a maxia da literatura, e é o maior facedor do fomento da lectura a quen seguimos admirando. Sabía que a lectura é un divertimento, e como tal a trataba, e convencía.
Neste libro de relatos curtos (curtos tiñan que ser porque eran contados por teléfono, e non é precisamente un medio barato) xorde a fantasía para atrapar o lector nun entramado de xogos de palabras, soños e prodixios. E aí precisamente radica a importancia de Rodari: a capacidade inventiva da literatura é a base dos soños e de atrapar o lector.
A edición en galego que se nos presenta agora, en tapa dura e deliciosas ilustracións, con ese selo de calidade que asegura a editorial Kalandraka, confire a este libro unha necesidade nos nosos andeis, coa satisfacción de procuralo de cando en vez para deixarnos envolver por un conto que, inda hoxe, podemos contar por teléfono ao noso mellor amigo necesitado dun pouco de fantasía. Ou contárnolo a nós mesmos buscando ese neno que nunca deixaremos de ter dentro, se queremos.
Por que non?


2 comentarios:

Montse dixo...

No passa de moda. Anys i anys llegint-lo en veu alta en castellà i en català, representant teatralment algun dels contes i mai passa de moda.

Molt recomanable.

Ronsel dixo...

Rodari sempre será un clásico marabilloso, si

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.