Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/01/12

O Irixo e a parroquia nº 13

Boísimo artigo de Carlos Negro sobre a próxima instalación dunha incineradora n'O Irixo. Grazas, Carlos!:

Como ben nos ensinou o poeta Uxío Novoneyra, a toponimia supón un dos trazos máis distintivos da nosa identidade colectiva, pois expresa, en canto alfaia da memoria, o vincallo ancestral entre Pobo e Terra, a ligazón íntima que se vai establecendo entre o ser humano e a contorna nese devalar histórico que deu en chamarse Galicia ou Galiza.

Por iso, permitan que hoxe evoque, como nunha ladaíña fonética, os doce nomes das parroquias que constitúen o concello ourensán de O Irixo, na comarca de O Carballiño; permitan que neste recuncho virtual deite testemuño público dos lugares de Campo, Cangues, A Cidá, Corneda, Dadín, Espiñeira, Froufe, Loureiro, Parada de Labiote, Reádigos, O Regueiro e San Cosmede de Cusanca. Doce evocacións para un deses recunchos case invisibles das terras do interior, montaña e val mesturados en xeográfica simbiose.

Mais, como a política tende a facer mudanza no costume, dáse a casualidade de que nos próximos meses as veciñas e veciños de O Irixo, gústelles ou non, van gozar do inmenso privilexio de ver como o seu concello, así como quen non quere a cousa, suma un novo topónimo ao seu valioso patrimonio etnográfico, baixo a orixinal denominación de Estela Eólica.

Por se vostedes aínda non o saben, direilles que Estela Eólica constitúe a marca comercial da empresa privada que vai xestionar a nova planta incineradora de lixo que o goberno da Xunta aprobou construír no concello de O Irixo, bautizándoa co aséptico nome de Complexo de Tratamento de Residuos Urbanos do Sur. Ou como dicía o refrán: outra SOGAMA no millo.

Moitas son as reflexións que podería suscitar esta decisión política do goberno galego; desde logo, a primeira, volve demostrar a enorme distancia que existe entre as estratexias publicitarias do Poder, na súa reiterada aposta polo "futuro do rural", e a máis prosaica realidade, na que o único porvir que lle se ofrece a un concello de menos de dous mil habitantes é a incineración de toneladas de lixo que, por suposto, non produce, pois van ser transportadas desde as extensas áreas metropolitanas de Vigo e Pontevedra.

Estamos, pois, ante a repetición dunha historia que xa vén de vello: o Poder (con P de Prepotencia e tamén de Propaganda) aproveita a depresión demográfica e económica das provincias do interior para lles vender como única alternativa de progreso un programa de tratamento do lixo que, desde un punto de vista ecolóxico, supón unha aposta a curto prazo pola eliminación rápida dos residuos, fronte a outras alternativas moito máis intelixentes e respectuosas baseadas na sagrada trindade das tres erres: Reducir & Reutilizar & Reciclar.

A segunda reflexión, se cadra, abrangue un ámbito máis espiñento, pois implica unha crítica que vai máis alá da cegueira das nosas autoridades políticas ante un proxecto que significa, como tantas outras veces, pan para hoxe e fame para mañá; esa condena atinxe á actitude maioritaria da cidadanía galega, pois seguramente moitos de nós estamos xa dispostos a lanzar a pedra acusatoria contra conselleiros e alcaldes, pero non a emprender, no ámbito privado, accións concretas que representen un troco radical dos nosos hábitos e costumes, tan contaminados pola hipertrofia consumista que alimenta o negocio das incineradoras.

E a solución, por suposto, non pode restrinxirse unicamente á mobilización social no concello de O Irixo e comarcas limítrofes, senón que debe tratar o problema desde unha perspectiva máis ampla que trate de superar as liortas partidarias, para dar pé a un debate de fondo sobre a nosa relación co hábitat xeográfico, sen falsas idealizacións sobre o noso amor á Terra, pois aínda somos quen de vendela por un prato de lentellas.

E a próxima vez que boten unha bolsa ao lixo, non esquezan que lle van dar de comer a Estela Eólica, a parroquia número trece dun humilde concello de Ourense.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.