MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO en Terra e Tempo.
Rosalía en Compostela from Terra e Tempo Tv on Vimeo.
Á parte do nome da autora -que asina como "Rosa" cartas familiares e utiliza este nome para varias das súas personaxes-, dáse a circunstancia de que, por toda a súa obra, van aparecer abundantes frores, nunha comuñón co campo, coa natureza, que constitúe, como é sabido, un dos eixos de toda a súa produción literaria. Hai un poema, "En Cornes", do Libro IV de Follas Novas, en que a escritora refai inteiramente o usadísimo motivo literario da rosa -metáfora, símbolo, metonimia en millenta literaturas do mundo- para lle conferir un outro significado absolutamente diverso do tradicional, un significado realmente "materialista", na ecuación implícita beleza = benestar material, social e psicolóxico. Eis os versos que escolmamos daquel poema:
[...]
Polas silveiras errante
vexo unha meniña orfa
que triste vai marmurando:
- ¡Ña Virxe, quen rosa fora!
- ¿Por qué qués ser rosa, nena?-
lle preguntei cariñosa.
I ela contesta sorrindo:
- Porque non tén fame as rosas-.
[...]
Utilizo dous substantivos-adxectivos no título deste artigo que quixera xustificar. Comezo polo segundo. Despóxoo, na miña utilización, de calquer resaibo místico ou grandilocuente. Apelo só á súa primixenia aparición, en textos bíblicos, porque estas definicións acaen perfeitamente á nosa clásica fundacional:
- O Profeta recorda o pasado e sérvese del para entender o novo no presente (Isaías, 43).
- O Profeta convida a viver e el proprio vive a solidariedade no sofremento (Xénese, 8, 18-23).
- O Profeta sinala como prioritaria a vía da xustiza (Xeremías, 22, 3; Isaías, 58).
Canto ao primeiro, está fóra de toda dúbida o papel inaugural que á nosa escritora corresponde na renacencia da nosa literatura no século XIX e, aínda, no comezo da nosa modernidade histórica, da nosa contemporaneidade. Isto é admitido por tirios e troianos, por moito que a sapiencia da universidade multicentenaria ande na horta, à rebours de todas as evidencias e de máis que valiosas, documentadas e reveladoras achegas bibliográficas. O seu valor como pioneira do feminismo galego, en troca ("a primeira feminista da nación galega", titulámola xa en 1985), aínda precisa de moita máis exhibición, de moita máis divulgación. Se vivésemos nun país con moito máis coñecemento de si proprio; se tivésemos posibilidades regulares e constantes de acceso e valoración da nosa cultura nacional; se non padecésemos, en fin, tanta e tanta interceptación da nosa historia, arte, economía..., tanto cortocircuíto interesado, non cabe dúbida de que, hai xa ben tempo, o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora ou Día Internacional das Mulleres, sería, como ponto de partida histórico, unha data de apoteose rosaliana. Desde o seu explosivo "Lieders" (1858) até a súa derradeira obra, En las orillas del Sar (1884), pasando por textos elocuentes das súas obras galegas e, aínda, da súa narrativa en español, non hai posibilidade humana nen científica de a explicar obviando a principalía da cuestión feminina, o protagonismo histórico de suxeitos femininos. Claro está que, para tal recoñecemento -asistido de todas as probas textuais posíbeis- cómpre sacudirse o complexo provinciano-colonizado que só admite tal ideoloxía e tal novidade (o feminismo) en personaxes galegas de predicamento español, como Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, e non nunha tan alta patriota galega como Rosalía de Castro. Tamén aquí ela resulta profética, pois atinou a pór o acento en cuestións cardinais que seguen (pre)ocupando o feminismo actual: a inharmonía afectivo-emocional mulleres-homes; a dupla ou tripla xornada laboral; o plus de mágoas das mulleres responsábeis de familias monoparentais; a difícil autonomía feminina nun mundo de patróns masculinos; a reificación ou cousificación feminina como obxectos de venda matrimonial-ornamento; o peculiar papel da escritora independente, que non se submete a estereotipos consentidos ou impostos...
Vai de seu, por suposto, que para comprobarmos todos estes asertos, convén "aparcar" canto antes a meta-Rosalía que a todos-as nos foi "programada" e iniciarmos canto antes tamén a "desprogramación", isto é, a leitura directa e desprexuiciada de toda a súa obra, na intelixencia de que non é unha escritora fácil ou simples. Todo o contrario: profunda coñecedora da semántica particular da lingua galega e da cultura popular nela vehiculada; dotada, asemade, dunha ampla e variada cultura formal, a súa obra pede de nós un esforzo semellante, á altura da súa xénese, non á medida da nosa ignorancia ou preconceitos.
Permítaseme un apontamento persoal. Neste curso, 2011-2012, por primeira vez, imparto clases de Literatura Galega nas aulas da Universidade Senior da UDC, Universidade da Coruña. Sesenta alumnas-os, dous terzos aproximadamente mulleres. Estamos ultimando a nosa "visita" a Rosalía de Castro. A recepción é entusiástica. Todas-os parten, claro está, dunha Rosalía coñecida nominalmente, mais admíranse do "fondo sen fondo" do seu pensamento, da súa estremecida palabra, da súa radicalidade, da liberdade versual e estrófica que se concede e aplica, da súa valentía, da súa insubornábel independencia de criterio, da súa sororidade...
Francisco Rodríguez e Francisco Salinas teñen salientado a importancia simbólico-estrutural da composición en cinco libros da magna obra Follas Novas, con, aliás, reminiscencia do Pentateuco do Antigo Testamento. Eu gosto, así mesmo, de utilizar máis dúas imaxes para a metaforizar. É unha a propria man humana: cada un dos seus cinco dedos é particular e describíbel como tal, mais todos se axuntan e interrelacionan na mesma terminal da extremidade e ao seu servizo unitario. É unha outra a metáfora da viaxe, desde un caos preparatorio até un cosmos de fusión do eu poético co colectivo das súas máis magoadas conxéneres, no seu momento histórico-nacional concreto e no reflexo de sentimentos humano-universais declinados en feminino. En fin, a riqueza, a variedade e mais a profundidade de obra tal encerra en si toda unha literatura. Quizabes non chegaremos a sabermos dela, da súa autora, todo o que ela nos comunica de nós, galegas-os, humanos en xeral, dos nosos sentimentos, dúbidas e perguntas, mais abofé que paga a pena internarnos no que, cal tesouro inconmensurábel, nos legou.
Para arredondar este convite directo que fago á súa (re)leitura e para o facer certo cun exemplo, conclúo coa reprodución deste poema, pertencente ao Libro Terceiro, "Varia", da xa mencionada Follas Novas. Non se me ocorrerá ofender a intelixencia ou a perspicacia das leitoras-es que este artigo tiver explicando a total vixencia-actualidade que tal poema ten, culminada nos seus derradeiros versos cunha sentenza tan verdadeira como lamentábel nos seus efeitos. Velaí vai:
Xigantescos olmos, mirtos
que brancas frores ostentan,
unhas con cogollos inda,
outras que o vento esfollea.
Buxos que xa contan sigros
e que xuntos verdeguean
formando de rama e troncos
valos que naide atravesa,
e nos que moi descansadas
fan o seu niño as culebras.
Loureiros, irmáns dos buxos
pola altura i a nacenza,
pois arraigaron a un tempo
no máis profundo da terra.
Limoeiros e laranxos
que o verde musgo sombrean
i olido esparcen de azare
con que a xente se recrea.
Eternos bosques en donde
sombrío misterio reina,
onde só os paxaros cruzan
polas tristes alamedas
onde ô marmular as fontes
un coidara que se queixan,
i onde o mesmo sol do estío
melancónico penetra.
I en medio desta espesura
e desta hermosa tristeza,
nunha casa inda máis triste,
si de fachada soberba,
alí din que ten o niño
a nai de todal-as meigas:
casa con portas de cedro,
en cada ventana reixa,
cociña coma de monxes,
silencio coma de igrexa,
criados que non dan fala,
cans que morden como feras.
Alí a viron negra e fraca
como unha gata famenta,
no máis san e máis frorido
da hermosa terra gallega.
I estes mals que nos afrixen
din que todos veñen dela...
¡Mais socede nesta vida
que os que tén culpa n´a levan!
1 comentario:
Di a articulista:"Se vivésemos nun país con moito máis coñecemento de si proprio"... So temos que apreciar a linguaxe ultranacionalista que emprega para decatarnos que se ese "país" non sae adiante é precisamente polo pouco que axudan estes discursos tan radicalizados ós que nos teñen acostumados xente coma os que conforman este tandem.
Tocante a Rosalía (daque é experta a ariculista) supoño que, como tódalas mulleres da súa época soubo manexarse nun mundo de homes e demostrar que se consigue moito máis coa poesía que coa belixerancia verbal.
Publicar un comentario