Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/03/12

Galiza, país terceiromundista

Érgome. Tiven un pesadelo e aínda estou un pouco alterada. Vou correndo mirar o ceo, antes de abrir a fiestra semella que cheira a fume. O ceo, ao fondo, cara ao Carrio, está marrón. Constato que seguiu ardendo toda a noite. Desespero.
Pregúntome, unha vez máis, como isto é posible. Unha e mil veces a mesma cuestión. Por que nos destruímos? Hoxe tampouco vai chover. Un día máis de desesperación. Estamos os galegos empeñados en acabar coa nosa terra... e conseguíremolo. Lembro unha entrevista que lin hai tempo, no "Faro de Vigo", a unha moza galega que traballa en Canadá. As súas palabras: "un canadiano xamais prendería lume nos seus montes; para el o que sucede en Galicia é incomprensíbel". Supoño que para calquera persoa "normal" o é. Pero aquí seguimos, ano tras ano, día tras día.
A (in)cultura do lume adquiriu tales proporcións que só se entende Galicia como un sistema de apaga-lumes. Non se analiza que hai que ir á base do problema, aos que queiman. Porque os que queiman están entre nós, e nas aldeas adóitase saber quen é. Hai que establecer un sistema legal férreo: queimar é un delito grave, é un asasinato da natureza.
Hai uns días vimos como uns traballadores pedían que os contratasen para apagar lume. É dicir, non foran botados e reclamaban os seus postos, non, solicitaban seren admitidos para previr o que ía suceder. Posto que aseguraban que esta fin de semana ía haber moitos incendios. Sinais premonitorias?
O outro día en clase explícaballe ao alumnado que a provincia con máis árbores de España é Soria. Non o podían crer. Buscaron información: alí non hai un só incendio. Pedinlles que buscasen posibles razóns, como a rendibilidade e a educación. Comprenderíano?
Teño que ir traballar. Dáme medo saír da casa e ver o que me agarda. Pregúntome se o presidente do país puido durmir tranquilo, máis unha vez. Eu non podería facelo.

O Deza é unha cacharela. Galiza, un país terceiromundista.


Acabo de chegar a Forcarei. O ceo non é azul, é marrón. Unha aba do Candán está negra. Non é de hoxe, é de hai uns días. A terra xa non chora, permanece nunha negritude impenitente.

Pero sabedes o que máis chama a atención? Xa non hai vacas pacendo, a terra está demasiado seca. Non teñen que comer.


Preocúpavos a crise? Podedes ir preocupándovos pola falta de auga...


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.