Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/04/12

A árbore tan pouco árbore


A partir dun conto tradicional africano constrúe Miguel A. Pérez Arteaga este álbum publicado por OQO: A árbore tan pouco árbore. Recpllo hoxe as palabras do autor porque considero que son interesantes, a mellor introdución para falar do libro:

Entre Cambrils e Mont-roig, en Tarragona, hai unha praia agochada; para chegar onda ela hai que pasar por unha corga e por unha praia de grandes pedras. Entre esas penas acumúlase o lixo que trae o mar: caixas de peixe do peirao máis próximo, aramios enferruxados, latas, anacos de madeira das árbores que arrastran as riadas… De aí parte Miguel A. Pérez Arteaga para crear este álbum singular.

“Os materiais que atopo na praia fanme pensar en África” –di Miguel Ángel. Por iso, o autor escolleu ilustrar unha antiga fábula africana. Pensando nos materiais dos que dispón, modifica a narración, acurta os diálogos e constrúe os espazos, creando un ambiente poético e inspirador. Nel atópanse unha árbore que fala e un lobo que se cre moi listo, nunha historia que representa a figura universal do burlador burlado: o lobo persegue alces e caribús nunha carreira sen fin, de selva en selva, ata que cae na súa propia trampa.

Non pasan desapercibidas por tanto as ilustracións do libro: un verdadeiro canto á reciclaxe e a á imaxinación.


Hai selvas-illa, selvas-montaña e selvas-trampolín. En cada selva, claro, hai un lobo.
Tamén un alce e un caribú. O lobo pasa os días a correr atrás deles, ata que os pilla e os come. Entón, busca outra selva. Nesta selva, non había lobo nin alce nin caribú, pero tiña unha árbore no alto dun outeiro. Unha árbore que non era como as outras: falaba. Non se lle entendía nada, pero falaba.
—Nunca vira unha árbore tan pouco árbore –dixo o lobo.



3 comentarios:

Anónimo dixo...

que boa pinta!

Noemí dixo...

Este libro non estivo mal, foi entretido.

carmen dixo...

Este libro estivo ben aínda que as ilustracións son moi raras

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.