Recollo dende Espazo Lectura este Manifesto:
Manifesto a favor da lectura da Sentada Lectora, lido por Araceli Gonda e Paula Carballeira.
Manifesto a favor da lectura
Se hai algo difícil de definir é a experiencia da lectura. Hai tantas lecturas como soños, como ilusións, como vidas, como persoas, como futuros. Ler é conquistar a oportunidade de vivir moitas veces máis das que unha persoa é capaz. Pero, ademais, a lectura é un motor agachado e secreto para chegar moito máis alá. Un motor contra o desánimo, contra a imposición, contra a necidade, contra o descoñecemento, contra a discriminación, contra a tiranía, contra o abuso, contra a inxustiza, contra a ignorancia, contra a indefensión, contra o desalento. A lectura constrúenos como persoas. A lectura é esperanza. É futuro. Mañá celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro. Por iso, hoxe, en Gondomar, lendo para medrar, queremos anticiparnos a esa cada vez máis necesaria celebración para imprimirlle un novo espírito. Queremos unirnos na rebelión da lectura. Vivimos tempos de crise. Tempos de desacougo.Precisamente por iso debemos ser conscientes, máis conscientes ca nunca de que onde hai libros hai esperanza, porque onde libros hai futuro. Aquí, en Gondomar, para nós o centro do mundo, sentados cun libro nas mans, poñemos en valor este acto humilde e poderoso que é a lectura, e queremos facer nosa, desde a voz da cidadanía, a máis importante das rebelións: a rebelión da lectura. Precisamente nestes tempos de crise, cando é máis visible ca nunca que o mundo está gobernado por un diminuto grupo de persoas opulentas e cobizosas que atesouran a maior parte da riqueza, nós reivindicamos outro tipo de riqueza, máis humana, máis xenerosa, máis creativa, moito máis poderosa e moito máis confortable: a que nos dá a lectura. A lectura é un referente de benestar social. Precisamente por iso debemos defender o papel da lectura como imprescindible para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e ocio das persoas; indispensable para construír o futuro, indispensable para recuperar a esperanza, indispensable para erguer un porvir presidido pola razón e a dignidade. Precisamente por iso, hoxe queremos protagonizar a rebelión da lectura. Porque hoxe, a lectura, é máis necesaria ca nunca. Porque hoxe, a da lectura, é unha rebelión imprescindible. A Lei do Libro e a Lectura aprobada polo Parlamento de Galicia e a Ley del Libro aprobada polo Parlamento español establecen que a lectura e o seu fomento deben ser elementos centrais e transversais de todas as accións de goberno, por entender que contribúe decisivamente ao desenvolvemento social, económico, industrial e cultural das sociedades. Precisamente por iso, neste tempo global de recortes, desde a voz cidadá queremos deixar constancia de que os recursos elementais para o fomento e o hábito da lectura están compostos de vontade, de atención, de imaxinación, de entrega e de boa disposición. E non estamos dispostos a que ningún deses recursos nos sexa escatimado. Para nós, a lectura ten a palabra. E o valor da palabra é o que nos fai persoas, o que nos distingue dos outros seres vivos. Por iso, nós, cidadás e cidadáns de a pé, reivindicamos a rebelión da lectura. Proclamamos o seu carácter festivo, o noso dereito ao seu acceso xeralizado inalienable, o seu papel motor, o seu valor subversivo.

Sen comentarios
Publicar un comentario