Das moitas actividades que realizamos, co pleno convencemento de que son tan necesarias e mesmo máis aproveitables que as propias clases, hai algunhas que provocan máis satisfacción ca outras. É o caso desta que hoxe nos ocupa: un concerto didáctico a cargo do saxofonista Xosé Miguélez e o guitarrista Marcos Pin: toda unha lección musical que nos envolveu e emocionou durante hora e media.
Hoxe contamos coa voz de Isa, a nosa profe de música, para que nos conte a experiencia vivida este xoves no centro. Grazas pola túa colaboración!:
Xosé Miguélez
e Carlos Pin demostraron [unha vez máis] que as tristezas azuis se curan cunha
pastilla (de guitarra de jazz) e un saxo tenor (de cor rosa cobrizo).
Músicos honestos,
sentidos, brillantes cuxos sons nos implicaron durante máis de hora e media
nunha viaxe polo continente americano, e que empezou en Nova Orleáns con barcos
cargados de escravos procedentes de África.
Partiron dun blues, a tristeza musical encaixada en
12 compases, pero... que 12 compases! Carlos establecía as fronteiras do
standard coas notas dun baixo que camiñaba chanzos arriba e abaixo entre os
graos tonais, conxugando unha fantástica precisión rítmica coa beleza dos seus
sons punteados. Xosé representou a calidez melódica do saxo que nos envolveu
durante todo o concerto: nos seus fraseos había blues, notas rotas, harmónicos
moi ben sentidos e interpretados, pero non desolación ou apatía.
Co swing loubamos a figura dos bateristas
por seren eses grandísimos músicos que son capaces de facer eles sós o que a
nós nos obrigou a dividirnos en catro grupos e así poder mesturar subdivisións
binarias e ternarias nunha polirritmia marabillosa.
E cando Xosé dixo:
“bebop!” empezamos a cantar suaviño un riff de sílabas
sen sentido que acompañábamos de palmas no segundo e no cuarto pulso. Na Bossa-nova, pé sobre chan, non podiamos
resistirnos a marcar cada un dos pulsos dos 16 compases que formaban parte de
cada serie. Tal é a forza de Brasil no Jazz.
Deliciosa xornada musical, unha música tan difícil de interpretar debido ao seu
carácter de improvisación e novidade continua, pero tan fácil de entender e gozar grazas ás marabillosas explicacións e interpretacións de Xosé e
Carlos.
Moitísimas grazas
pola vosa visita: todo un pracer para os nosos oídos!
2 comentarios:
Marabillosa charla! Disfruteina moitisimo...
E podías cantar...
Publicar un comentario