As fiandeiras de Antonio Piñeiro, Premio García Barros 2011 e publicado pola editorial Galaxia, é un libro para ler paseniño, degustándoo pouco a pouco, demorándose en cada palabra para regalarse co xogo do autor co seu dominio. Historia situada nas nosas comarcas, Deza e Tabeirós, condensa as evocacións dunha moza aprendiza de costureira, agora xa maior, sobre uns acontecementos que a cambiaron por completo: o proceso a que son
sometidas unhas fiandeiras no remate da I República, acusadas de cantonalismo por
tentaren vender os seus produtos téxtiles á marxe da empresa madrileña "La
Minerva" que as explotaba. Este proceso é contemplado dende fóra, mesturado cunha novidade, un enxeño tecnolóxico nunca visto daquela: a máquina de escribir.
Destaca o protagonista absoluto da muller, un personaxe colectivo que se opón á tiranía e é quen de loitar contra ela. A intensa xustaposición de situacións e personaxes obrigan ao lector a tomar partido e a ir reconstruíndo a acción enchendo as lagoas que o autor "comete" á matenta.
E, como xa indiquei, chama a atención a lingua utilizada, unha lingua fiada con agarimo, unha lingua extremadamente lírica: “Oio a fonte, vir a auga aos canos desde o ventre
da praza, sacando os nomes da terra. A billa de auga limpa e sonora.
Achegaba a boca ao ferro doce. Bebía un nome”.
E quizais sexa precisamente isto o malo da novela, que nos propón un tempo demasiado detido no que resulta unha lectura cansa buscando unha acción que non acaba de chegar, por máis que o lector encha ocos e busque a connivencia cun libro que non está mal, pero que non remata de enganchar.
Sen comentarios
Publicar un comentario