Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/08/12

As manías d@s escritor@s de noso (III)

Hai un ano comezamos con esta interesante sección do blogue que nos axudaba a coñecer un pouco máis aos nosos escritores e escritoras. Recoñezo que pasou demasiado tempo, pero volvo a retomar agora o traballo tentando achegarvos novas entregas. Isto, claro, se eles e elas así o desexan.
Déixovos aquí as ligazóns do ano pasado: I e II.

Volvo dar as grazas a tod@s el@s, pola súa xenerosidade, e a Fran Alonso e a Ramón Nicolás pola axuda imprescindible que sempre están dispostos a ofrecerme. É Ramón Nicolás quen me proporcionou os datos sobre Álvaro Cunqueiro e Fran Alonso mandoume o texto que el publicou en novembro de 1990 no "Diario 16 de Galicia" sobre o mesmo tema: a información sobre Avilés de Taramancos provén del.

Álvaro Cunqueiro: nunha autobiografía do 1935 afirma cando se lle pregunta polo seu xeito de traballo: “Ren poido decir. Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nil e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela luz, van saíndo outras verbas diferentes, cáseque un mundo. Iste é o poema”.  




Séchu Sende: afirma non ser moi consciente de ter moitas manías. Asegura que lle gusta escribir despois de se duchar, co pelo aínda mollado, e prendéndose nel unha pinza de madeira (das da roupa).

Carlos Negro: porfía asemade que a percepción que ten de si mesmo é a de non ser maniático. Iso si, escribe en roupa de casa –chándal, zapatillas- e sen música, pero cunha botella de auga sempre a man. E agradece a soidade e o silencio (non sempre conseguidos por ter un neno pequeno)

Suso de Toro: sempre leva con el unha libretiña e bolígrafo ou estilográfica. Nela anota as ideas que vaian xurdindo... De esquecela, terá que procurar desesperadamente un anaco de papel para anotar a inspiración fuxidía.

Diego Ameixeiras:  Traballa a calquera hora do día, pero prefire facelo a primeiras horas da mañá, sempre escoitando música, e cunha cita da novela de Jim Thompson na que recomenda non “soltar as palabras dunha vez” nin “divagar sobre estrelas que escintilan e se mergullan nun profundo océano opaco” (The killer inside me)

Concha Blanco: sempre anda cunha libretiña ou cun simple papel dobrado no que poida escribir en caso de precisalo tanto nos bolsos coma na mesiña de noite amais dun lapis ou bolígrafos minis,  co único obxectivo de cazar palabras, ideas, descricións, vivencias, soños... que sempre ten medo a perder ou esquecelos se non os recolle por escrito.

Antón Dobao: Asegura que máis que manías o seu son rarezas. Gústalle deixar que o tempo lle pase a un texto antes de retocalo para a súa publicación. Tampouco escribe varias obras á vez, prefire terminar o que está a escribir antes de comezar cun novo proxecto. Se é unha rareza, declárase tímido e non comenta nada sobre o que escribe antes de que saia do prelo.

Celso Fernández Sanmartín: escribe de cabeza, andando, paseando, na horta, lendo, ou escoitando. Toma apuntamentos en papeliños e cando isto dá o seu froito, aparece a escritura máis consistente.

Avilés de Taramancos: escribía sempre na súa taberna típica, cun bo viño para quen alí se achegase, no tempo libro que lle deixaban as visitas, e pondo música para illarse das voces dos clientes. A súa obsesión era escribir moi abrigado para sentir calor, "quizais porque veño do trópico", afirmaba. 

Ramón Loureiro Calvo: tamén declara non ter manías. Escribe sempre a man, con pluma estilográfica.


 O manuscrito d'As galeras de Normandía de Ramón Loureiro

1 comentario:

Anónimo dixo...

que interesante! graciñas

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.