Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/09/12

Allá en la Patagonia

Unha prezada compañeira de Forcarei tróuxome este seu libro a final de curso pedíndome que o lese durante o verán, un libro que ela ten en alta estima e que quixo compartir comigo, algo que agradezo dobremente. 
Allá en la Patagonia de María Bruwisnig de Bamberg, recolle a historia de Ella Hoffman e a súa familia, 70 anos despois. Ella é a nai de María, unha familia alemá que marcha a vivir á Arxentina, onde a agarda o seu home, quen foi traballar tres anos antes. O libro non é unha novela, é unha recollida de cartas que Ella mandaba á súa nai periodicamente, contándolle todos os aconteceres familiares de case cada día. A historia dunha europea dos anos 20, de boa familia, que de súpeto ten que loitar nunha terra inhóspita facendo o que nunca fixera e loitando por sobrevivir.
A lectura resulta realmente interesante: as descricións da Patagonia, do xeito de vivir, do carácter da xente, da pobreza, do caciquismo estranxeiro... é unha crónica familiar e rexional que nos ensina unha terra xenerosa e inhóspita.
Hai moitas cousas que chaman a atención: non se consideran inmigrantes, pensan que van alí por pouco tempo para facer cartos e volver a Alemaña. Iso nunca sucede: morrerán na Arxentina. Desprezan a lingua, eles son alemás e falan e educan aos seus fillos en alemán. Non confían na educación arxentina e mandan as súas fillas, adolescentes, a Alemaña a estudar. Estas volverán para Arxentina porque se identifican con ese país onde se criaron de pequenas. A pesar de converterse nunha traballadora incansable, segue falando de mucamas e de "servicio" irresponsable. Grazas a que son as cartas as que falan e non é literatura, podemos coñecer a fondo a persoa que o libro nos propón, con todos os seus defectos e virtudes.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.