Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/10/12

Laudatio de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Recollo do Facebook a laudatio de Paz Raña Lama no nomeamento oficial como socio de honra de Gálix. Paga a pena.

Vigo, 18 de outubro de 2012

Hai 10.950 días que te coñezo, os mesmos que tarda a Terra en describir 30 órbitas nun camiño elíptico rodeando o Sol. E, nese lapso de 30 traslacións, aconteceron una sucesión de estacións que, grazas á mecánica celeste, mudaron máis de 30 veces Invernos de Voraces Sombras en primaveras desafiantes.
Afortunada consciencia a miña! Saberme instalada nunha vida heliocéntrica circunvalando continuamente o Sol sen ter que pagar a peaxe da inocencia.

 Non deixa de sorprender que ese primeiro encontro fose no escenario do nacemento doutro movemento transformador, tamén solar, chamado de Renovación Pedagóxica. Rotunda e enérxica indignación de mozas e mozos que soñaban cambiar o mundo desde a escola, con armas tan subversivas coma o xiz (imprimindo constelacións na pizarra), os cadernos de notas sempre emborranchados, a imaxinación, ou as ideas solidarias.

Foi un fogonazo de luz, un momento afortunado, unha punción  implacable e sagaz nos albores da democracia. O ensino pasou a ser algo importante, dun xeito diferente, novo e colectivo.Esa mistura de poesía e subversión na fundación de Nova Escola Galega converteuse nun roteiro que ninguén saberá esquecer, e ti, Agustín, condutor encargado dos empeños, animaches a nova paisaxe da educación.

Había en ti unha altura, outra altura máis reflexiva, un nivel de absoluta dedicación ao traballo, de tal xeito que o proxecto fraguado entre plumieres, xerou un tecido expansivo de alta resolución, combinando teoría e exercicio; xa non era somentes discurso, senón continxencia revestida de acción.
Aí entra Agustín no Instituto coa puntualidade intacta e o maletín cargado de sabedoría e alegría (una rima nada gratuíta), e de folios con varias cores onde recolle con milimétrica disposición, apuntamentos, esquemas, fantasías.

Durante anos, de luns a venres, congregaches a miles de mozas e mozos orfos de letras que, co teu criterio, souberon entender a densidade da escrita, o punto de fusión das ideas, e, o máis notable, ou máis sobresaliente, ou máis matrícula de honra, descubriron a temperatura de fervenza das palabras.Acompañáchelos, sen pausa, na difícil tarefa de descubriren a fronteira que leva á madurez, a pista que vai desde a esquina do pensamento máis egocéntrico ao recanto onde a experiencia se alimenta coa incorporación do outro: o que está ao lado, e o que non está.

Non é encargo fácil transmitir ao alumnado, por medio da lingua falada e escrita, os montes de experiencia que lle acontecen ao mundo e aos homes. Só un ilusionista que domina o repouso e o silencio é quen de traspasar a súa emoción inzada. Fai falta falar de algo, e para alguén, e soletrear a mil voces vocábulos que remedien o instantáneo, o, tantas veces manido, tempo inmediato.  Que mérito! Transformar as aulas no lugar onde a realidade dialoga máis alá dos catro vértices que a queren confinar.

Agustín ten corazón adolescente e, coma tal, a súa obra goza de elementos que colocan á mocidade perante un espello de superficie pulida no que choca a luz e se manifesta segundo as leis da reflexión, principios que xogan con fíos de luminescencia, con sons e con ondas de auga, por exemplo. E facilitan o retorno da enerxía, sen desvíos non desexados.

Encántame curiosear nos argumentos e ver como se feminizan os personaxes. O protagonismo recae en condutoras, delegadas, xogadoras de baloncesto e, tamén!, en mozas que posúen unha curiosidade omnívora que as leva a excavar na biografía de seu, co afán de localizar os retallos onde revelarse, todo con tal de fuxir do espesor da escuridade.

E moitos máis asuntos nas súas historias sempre contemporáneas. O reclamo do medio ambiente cun Son de buguinas e caracois de nácara que tapen a vergoña do chapapote e subministren a afouteza necesaria pregoando que non se repitan as malditas historias que asolagan o país.

E, con esa mesma curiosidade, observo como o reverso sentimental da túa moeda, empurroute a colaborares na normalización da cultura sometida ao rigor do aturdimento. Colliches folgos e organizaches centos de equipos de normalización lingüística coa tarefa ensanchada de visibilizar, amparar, espallar a lingua. O Galego como indicio de estarmos vivos.


E, por fin, neste periplo inabranxible, dicirche que hoxe visto unha saia da miña filla, aquela meniña de 9 anos que te atopou un día levando un “pau de chuva” con música de areas, e cos seus ollos bañados en asombro, dixérache que acabara de descifrar os enigmas do Tren cargado de misterios.
E lévoo, ademáis, porque sei, sabemos!, que hai unha esperanza inmensa agardando no fondo dos segredos, e, nese amencer xuvenil persevera a crenza na luz, luz, a palabra máis repetida no título das túas obras, luz, esa da que ti es merecente posuidor, que, coas faíscas da túa mirada, semellas dicirnos, como aquel músico no relato de Julio Cortázar: “Esta música ya la toqué mañana!”


Querémoste, Agustín
¡OMINÁ,AÑIXA SOMEREVLOV SONREV!

Grazas
(Grazas Asociación Gálix, Ledicia Costas, Montse Pena, Ana Luna, Francisco Castro. Un día para lembrar con moitísima emoción)



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.