Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/10/12

Palabras de auga

Volvín con ilusión a este texto medianamente coñecido e rematado extraordinariamente. Marcos Calveiro consegue con Palabras de auga o Premio Merlín de Literatura Infantil 2012; está publicado por Xerais e conta coas ilustracións de Ramón Trigo
Un libro que nos transporta á África máis profunda, a esoutra realidade á que tan doadamente lle damos as costas, a un lugar calquera de esa inmensidade continental onde o sufrimento é continuo e a busca de alimentos a única opción de supervivencia. E, de fondo, a dor máis profunda, o sufrimento de perder un ser querido sen ser a morte quen cause este sentimento; porque hai moitos xeitos de morrer, ou moitas maneiras de marchar. E nese fondo, dicimos, está a guerra, a explotación, ese lado do ser humano que nos achega aos animais para esquecérmonos de sentimentos e corazón. E xunto a este maremagnum de argumentos, temos un protagonista, Amadou, que debe medrar aprendendo que o sufrimento da nai é imprescindíbel para protexelo, que o proteccionismo afastado do pai é un xeito de educación, e que a valentía forma parte intrínseca do ser humano e revélase cando menos un a agarda. Noutro plano, asemade, as mulleres como pedra angular da tribo, como mestras caladas e sufridas, como sustento de futuro.
E aínda que estamos ante un libro "infantil", ollo!, será necesaria unha lectura profunda e atenta antes os continuos flashbacks que van artellando a historia. Unha historia necesaria, sen idade.


1 comentario:

Anónimo dixo...

Lereino, pois

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.