Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/11/12

Liquidación final

Segundo título do que se deu en chamar "Triloxía da Crise", Liquidación final de Petros Márkaris  publicado por Tusquets ofrécenos un espectáculo desolador na Grecia actual. Dáme a impresión de que cada libro que leo del é mellor có anterior.
O comezo xa nos fai tremer: o suicidio de catro anciáns que mediante unha carta explican a súa precaria situación, e que son “una carga para Estado, para los médicos, para las farmacias y para la sociedad entera”. Así que nos botamos a tremer: que se nos vén enriba? O primeiro capítulo, apenas catro páxinas, retratan perfectamente a situación na que se vive a causa da crise. E é que esta novela negra vai moito máis de investigacións e asasinatos (que os hai, e tamén están relacionados coa crise) para amosarnos a situación dun país onde os mozos non atopan traballo, os xubilados non poden subsistir e os inmigrantes rebuscan estre os desperdicios algo que levar a boca -para iso emigraron?-. E por suposto, de telón de fondo están as permanentes manifestacións dun pobo entolecido por unha situación adversa que semella non ter solución.
Co cal, preguntámonos: imos nós detrás? Isto é o que nos espera?
Por certo, chorei un bo anaco grazas a Zisis, o amigo comunista do Jaritos, e o xeito que tivo para axudarlle coa emigración da filla. Xa veredes.
Así que non vou seguir. Lede o libro e veredes. Recoñezo que o final, esa solución un pouco atrapallada, é o que menos me gustou. Pero é que algún defecto hai que lle buscar, non si?
 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.