Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/02/13

A cabeza de Medusa

Este libro de Marilar Aleixandre que non lin no seu momento serviume por referencias para a última reunión do club de lectura. A cabeza de Medusa (Premiada no 2008 e publicada por Xerais) é un libro duro porque fala da violación de dúas adolescentes e das consecuencias sociais que este feito arrastra. O tema, por tanto, foi ideal para charlar no club: as reaccións de amizades e coñecidos, do profesorado, de pais e nais... As mozas non só deben superar a dor do acontecido, senón tamén o sufrimento que provoca os xuízos aos que son sometidas cada día, xa que a sociedade machista tende a culpabilizar sempre á muller por, poñamos un exemplo, "provocar por utilizar minisaias". Dende este punto de vista, a novela pareceume moi boa. Pero boto en falta a credibilidade de moitas escenas. Tento poñerme no lugar dunha nai cando recibe a chamada de socorro da filla acabada de violar e non me vexo reflectida nesa nai que é descrita no libro. Iso é para min o maior erro do libro.
Pola contra, ten outros acertos, como o feito de desbotar tópicos machistas (por exemplo as citas que preceden cada capítulo) ou amosar as dúbidas dunha das rapazas violadas que non pode coa presión social á que está sometida. Pero coido que non cómpre maior didactismo no tema, posto que a novela susténtase por si mesma cos feitos. A reflexión que conleva é o mellor logro, creo eu.
Ao meu alumnado gustoulle moito a obra e creo que é sempre unha boa lectura de literatura xuvenil, atemporal e sempre necesaria.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.