A emoción que me asolaga ao ter un álbum de Roberto Innocenti nas mans é indescritible. Todo o que el fai está dotado dunha maxia absoluta e especial que ningún outro ilustrador posúe. E iso que moit@s son os que me gustan! Pero Innocenti é Innocenti, a verdade.
É Kalandraka quen nos volve regalar os sentidos con este libro que ilustra Roberto Innocenti e do que Aaron Frisch é autor: La niña de rojo. Mágoa de tradución ao galego!
Unha revisión do clásico da Carapuchiña, moi moderna e actual onde o bosque é a gran cidade. Orixinal resulta sobre todo o final -a gusto do consumidor: aí reside a maxia da literatura-, asemade de todo o libro en si: deseño fragmentado, texto separado en imaxes -achegándose ao cómic-, as ilustracións expresivas que nos amosan esta sociedade vil, consumista, irreal, caótica, impersoal...
Recoñezo que dende coñecín a Roberto Innocenti en Santiago miro os seus libros doutro xeito. É dicir, primeiro recréome na ilustración. O texto xa virá. E é que as ilustracións poderán encher gran parte do voso tempo e nunca remataredes de admiralas e descubrir un novo detalle. Como xa dixen, o bosque é esa cidade infinita retratada maxistralmente por este artista que nos amosa un lobo ben difícil de identificar. Quen é quen nesta sociedade corrupta e terrorífica na que nos movemos? De cantas persoas/personaxes nos podemos fiar?
Pero iso si, o libro ben nos amosa, nun guiño ben estruturado, que isto é literatura, e como toda boa literatura que se precie, é a imaxinación quen escolla a verdadeira lectura dun conto actualizado e dobremente fiel.
Queredes colgar o cartaz de "final feliz"? Podedes facelo. Algo diferente será que acertedes...
2 comentarios:
que cousa máis linda! menudo traballón
É precioso!
Publicar un comentario