Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/07/13

Berlín, 1945

En dúas palabras, IM-PRESIONANTE. Que si, que xa o sei, que son unha pelma coa novela negra, pero que lle queredes, estou entusiasmada. Sen ganas de ler, este xénero estame devolvendo ao meu ser. E con este libro, de lectura obrigada para os amantes do xénero, fiquei fascinada. Unha característica esencial: aínda que o fío condutor sexa o asasinato de mulleres, o miolo da cuestión é o retrato, triste e cruel, do Berlín anterior e inmediatamente posterior á guerra. A Segunda Guerra Mundial, referímonos. Por iso, non é unha novela negra calquera, xa que a historia criminal é o de menos neste fresco histórico que nos proporciona. Estamos, pois, ante un retrato intenso da anguria, da derrota, da crueldade da guerra (os humanos somos humanos?), da vontade de supervivencia, e ademais, un neno que representa o futuro para acabar de deseñar esta cohorte de personaxes e accións metade reais metade novela que lemos con auténtico pracer.
Cada asasinato é un pretexto para que o autor, nun flashback, conte a vida desa muller, que é máis interesante da novela porque é a que nos sitúa no Berlín anterior á guerra e a todos os acontecementos que rodearon a cidade neses anos, ata 1945. Aínda é máis: as historias chegan a entrecruzarse nalgún momento, posto que os camiños das mulleres asasinadas chegan a unha intersección na que se coñecen para logo lembrarnos que terán un idéntico final. Un final que non queres que chegue, porque desexarías que o libro continuase 600 páxinas máis.
Falo de Berlín, 1945 de Pierre Frei publicado por RBA na súa Serie Negra, unha colección que medra cada día. Aínda que este libro xa ten uns aniños!


1 comentario:

María Jesús dixo...

xa o lin e concordo contigo. É una historia fantástica.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.