Este é o texto que mandei para a revista Grial:
Non buscabamos até
agora a Xosé María Lema na lista dos nosos escritores de ficción. Nado en
Bamiro, Vimianzo, en 1950, é catedrático de Xeografía e Historia de Ensino
Secundario e un estudoso cheo de tesón da etnografía e historia da Costa da
Morte, ademais dun defensor sen concesións da nosa lingua, o que supón que
tamén abonden os seus artigos lexicográficos e lingüísticos. Un referente, por tanto, nos eidos históricos
sorpréndenos agora cunha novela de aventuras que vén a ser unha homenaxe á
inesquecible Illa do tesouro de
Robert Louis Stevenson, obra publicada inicialmente en 1883 e que ademais de constituír
un divertimento literario contiña unha reflexión e unha crítica cara a aqueles
que só procuran cartos na súa desmedida ambición (que doado resulta facer este
tipo de crítica na nosa sociedade actual, onde cada día descubrimos novos
sobres e novas ambicións, vivindo o que oxalá fose unha novela e non a vida
cotiá do estado español do século XXI!!!).
Sobre estas bases
aséntase a novela que agora nos ocupa, Costa
do Solpor. Piratas malos malísimos e persoas que gardan unha aparencia para
constituír a ralea máis baixa da sociedade, Costa
de Solpor ambiéntase nun século XVIII confuso con pactos que se fan e
desfan a medida dos gobernantes e non dos desexos dos gobernados. Neste
ambiente ambivalente, en que os cidadáns non saben moi ben cales son amigos e
cales os inimigos, móvese o noso barco inglés protagonista, quen volvendo da
súa particular peregrinación na procura das “américas”, van chegar a unha
Galiza que descoñecen a que país pertence nin se é aliado ou non do seu propio
país.
Falamos dun autor
que comeza e falamos dun libro que foi finalista do Premio máis prestixioso do
país, o Premio Xerais. Un premio que,
curiosamente, foi para o mar, posto que as tres obras galardoadas no ano 2011 teñen como leit-motiv o mar. Iso
si, mares diferentes nas mans destes creadores que son quen de xogar ao seu
antollo coa auga salgada que case nos rodea.
A orixinalidade da obra
que nos ocupa, dun xénero esquecido na nosa Literatura, comeza dende o
principio: o autor utiliza a técnica do manuscrito atopado para presentar o seu
relato. Así, quen fala é un tradutor dun manuscrito inglés que lle foi enviado
por un investigador británico. El, simplemente, encargarase de traducilo, sen
engadir nin tirar nada. A partir de aí a narración –en primeira persoa- correrá
a cargo de Jim, o protagonista, quen deixará algúns capítulos para a voz do
doutor Livesey por ser este testemuño directo dos acontecementos cando Jim
estea ausente.
A acción
desenvólvese en pé de aventuras na Costa da Morte, xa que o barco caerá nas
mans dun pirata con moita sona de cruel e o seu socio, home de negocios que
pasa por ser un home de ben na Coruña. Abordaxes, enganos, fuxidas,
persecucións... sucédense nas máis de 600 páxinas da novela, onde hai cabida
para o amor, un amor imposíbel da man dunha fidalga e un rapaz de pobo. Caber
caben máis ca aventuras nesta novela, pois toparemos unha recreación fidedigna
da Galicia do século XVIII onde fidalgos, cregos, Inquisición, foros e ilusións
no futuro conviven cada día. Asemade, personaxes históricos que, aínda non
sendo deste século, conviven pacificamente nas nosas páxinas.
Acción trepidante,
por tanto, mesturada con digresións demasiado longas que entorpecen a lectura:
informacións históricas, mitos, lendas populares, descricións xeográficas,
literatura da Costa da Morte... fan que esta novela de aventuras se afaste por
veces da súa propia natureza e chegan a renxer na lectura.
Non é esta eiva a
que quixeramos destacar senón todo o contrario: cremos que estamos ante unha
boa proposta literaria, orixinal e pouco dada na nosa tradición literaria,
capaz de seducir ao lector e de deixalo cun bo sabor de boca logo dunha
travesía pola nosa marabillosa e ás veces descoñecida Costa da Morte.
Sen comentarios
Publicar un comentario