Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/09/13

La niña de sus ojos


 A escritora Mary M. Talbot e o debuxante Bryan Talbot unen esforzos para escribir este cómic publicado por Ediciones La Cúpula: La niña de sus ojos é unha historia de biografías que se mesturan, por unha parte as lembranzas da autora, filla dun escritor irlandés experto en James Joyce e por outra a vida de Lucia, filla do propio James Joyce. Nesta dobre narración radica a importancia do cómic, narrando a infancia da escritora despois da Segunda Guerra Mundial e a súa adolescencia nos anos cincuenta. Talbot fala dos desencontros cun pai distante e dos posibles desencontros de Lucia, quen pretendía abrirse un camiño no mundo da danza coa férrea oposición dos seus pais, establecendo así un xogo de espellos entre as dúas figuras paternas que dominan a narración. Aínda que veremos como a vida de Lucia vaise facendo dona do libro xa que semella, supoñemos que polo seu destino máis triste: a moza desenvolve tendencias suicidas e alterna diversos ingresos en sanatorios mentais de Europa.
A dobre narración vén marcada polo debuxo inequivocamente, posto que presenta un coloreado diferente en cada unha. Pero, coido, a semellanza entre ambas paréceme que está mantida por un fío case invisible que podería romper en calquera momento. Desde logo, non me gustou tanto como agardaba a priori.
 






Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.