Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/10/13

Ámote Leo A. Destino Xalundes

Vén de cubrir Rosa Aneiros un oco na nosa Literatura que era reclamado en voz baixa por tod@s nós: unha triloxía aventureira -e non de ciencia ficción- onde a protagonista é unha moza audaz e por veces morriñenta que decide facer a súa vida e ser ela mesma a dona de si. Que ben cumpría! Ámote Leo A. Destino Xalundes publicada por Xerais, nace, en palabras da autora, grazas a moitas visitas a centros, ao contacto cun lectorado que a fixo reflexionar sobre os gustos do público adolescente.  Ámote Leo A é unha historia que non cae en tópicos absurdos e que permite ao lector e á lectora desenvoler a súa intelixencia, respectándoa e non idiotizándoa. 
De todo hai nesta triloxía engaiolante: amor e desamor, viaxes, chistes, novas tecnoloxías, moita literatura (que pracer!) e unha lectura fluída que é quen de suxeitar e transmitir valores fundamentais como o amor fronte á posesión, a igualdade de xénero, a vontade -e reafirmación- dunha moza protagonista que se sabe posuídora da forza necesaria para superar os seus propios medos e a súa fouteza para superar calquera obstáculo ou pensamento negativo e contrario dos demais, o gusto polo descoñecido, a presenza negativa dos ciumes e a cultura do esforzo como único xeito de perseguir e conseguir os propios soños. E optimismo, a sensación de que podemos saír adiante... que alivio!
Quen non ten ganas arestora de ir a Turquía ou a Marrocos?
Libro de lectura áxil e rápida, cunha edición gustosa e cómoda, con letra ampla -que eu moito agradezo- e lenes páxinas,  e mesmo cunha portada rechamante que queda prendida na retina.

E con todo o cariño que sinto por Rosa, voulle facer unha chiscadela: boto de menos algo máis de paixón nalgún momento concreto do periplo da nosa protagonista. Pero é que xa sabedes que eu son moi repugnante e sempre estou poñendo defectos onde non os hai!

Agora ben, o meu alumnado de primeiro de Bacharelato está a ler o libro e son el@s os verdadeiros xuíces desta lectura que coido gustará sen reservas. Pero... creo que me van matar por quedar sen saber o final. Agardamos impacientes a próxima entrega para ver de solucionar os misterios que a autora programou dende o comezo. Seguro que a expectación creada fará que agarden con desacougo a chegada do mes de xaneiro: ese nervio que algúns best-sellers conseguen para acadar o ritmo do misterio queda patente, cando menos, en min.

Parabéns, Rosa, por agasallar a nosa Literatura deste tipo de lecturas engaiolantes que de seguro terán moito éxito e propiciarán a existencia de novos e mellores lectores.

  

1 comentario:

María Jesús dixo...

Agora mesmo estou embarcada nesta viaxe.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.