Fermoso é pouco dicir, a verdade, ante este álbum ilustrado que vén de publicar Kalandraka e que complementa aquel Inventario ilustrado dos animais que xa nos conquistara hai un tempo. Este álbum acada un paso máis respecto da ilustración: non é tan só un álbum ilustrado que nos entretén e nos apaixona polas súas ilustracións, senón que é tamén un libro de divulgación científica, deses que sempre estamos a dicir que ben nos cómpren na nosa lingua e dos que andamos tan escasos. Neste libro podemos acceder a moita información sobre os habitantes dos mares e océanos, incluído peixes en perigo de extinción. A ver, ollo, que se sodes especialistas na materia seguro que xa me estades a criticar dicindo que o libro é moi sinxelo. E si, éo, e cumpre co que pretende: ser unha iniciación visual e práctica enste enmarañado mundo tan afastado e rico que os humanos parece que están empeñados en destruír. Ou cando menos esa é a reflexión que nos debemos facer cando falamos de "perigo de extinción".
Inventario ilustrado dos mares conta coas ilustracións de Emmanuelle Tchorukriel e o texto da científica Virginie Aladjidi.
Sen comentarios
Publicar un comentario