Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/11/13

O Castañeiro de Abril

O Premio Merlín de Literatura Infantil 2013 de Xerais déixame moi bo sabor de boca: un relato ben feito coa dose xusta de fantasía, amor, aventura e sufrimento. Falamos de O Castañeiro de Abril de Antonio Manuel Fraga, que conta coas sempre ben acaídas ilustracións de Antonio Seijas. Unha historia fermosa que me fixo vibrar en moitas ocasións -a ver, xa sei que eu son de bágoa fácil e excesivamente sensible, pero asegúrovos que o texto "chega"- con malos e bos, como non pode ser doutro xeito na literatura infantil, e onde os bos gañan por goleada -como tampouco pode ser doutra maneira-, nunha narración que desde que comeza te deixa pegado ao sofá ata rematala, sen présas pero sen pausas. E xa que o texto defende a importancia das cousas ben pequenas, esas que ás veces non chaman a atención pero que son ben importantes, deámoslle tamén nós a importancia que ten o feito de non tirar o libro ata a última páxina. A destaca o alento do narrador, ese home que vén sendo un cirurxián do calzado (que importante é nestes tempos de crise) e que con moita retranca non trata a todo o mundo por igual. Porque a educación e as boas maneiras, a bondade, son a primeira baza necesaria para ser persoas e sermos tratadas coma tales.
Antonio Seijas dálle imaxe ao relato, cun predominio de laranxas e vermellos que destacan entre a negrura dalgúns personaxes. Cor e luz que impregnan as palabras de por si emotivas do texto onde a dignidade das persoas toma forma para que comprendamos que a loita sen rendirnos é o único xeito de saírmos adiante.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.