Sempre me pasa o mesmo cando me recomendan tanto un libro: que non me volve tan tola como pensaba a priori; cando menos a segunda parte. Isto foi o que me pasou con Canadá de Richard Ford publicado por Anagrama. Por suposto, unha gran novela ben escrita, pero debo recoñecer que a narración resultoume algo reiterativa. A parte boa, moi boa, é a reflexión que nos achega e que faremos ao longo da lectura: cal é a fronteira entre o ben e o mal? Asemade, serán os actos paternos e maternos os que marcan o futuro dos seus fillos e fillas? É unha especie de condena que estes deberán sufrir e cargar durante toda a súa vida posterior? Porque Canadá fala dunha traxedia familiar a as súas consecuencias. Cando un neno é testemuña dos delitos dos adultos que o coidan... cal debe ser a súa reacción? Estará xa predisposto el tamén a cometelos?
Estas e outras moitas reflexións neste sentido serán as que poboan a nosa lectura e o noso maxín cando a pechemos. A conduta moral ou amoral, a posibilidade de incorrer nelas, a normalidade da vida cotián que agocha o impredicible, a nosa existencia como un barómetro variable. O acerto, por suposto, é converte ao narrador na testemuña fiel dos acontecementos baixo a peneira dos cincuenta anos transcorridos, co que iso supón: o lirismo e a emoción estarán contidas baixo un veo de distanciamento psicolóxico e reflexivo.
Con todas estas virtudes, que son moitas, a novela non acabou de "chegarme", por ese xeito reiterado da narrar e poa tendencia un pouco esaxerada a unha psicoloxía "barata" de recomendacións honorables.
«Primero contaré lo del atraco que cometieron nuestros padres. Y luego lo de los asesinatos, que vinieron después. El atraco es la parte más importante, ya que nos puso a mi hermana y a mí en la senda que acabarían tomando nuestras vidas. Nada tendría sentido si no contase esto antes que nada».
Sen comentarios
Publicar un comentario