Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/12/13

Inxección de moral

Vén de publicar Fran Alonso un Twitter no que di que o Culturgal é "moito máis que unha Feira das Industria Culturais Galegas; é unha auténtica inxección de moral para o país" xa que  "latexou forte o corazón da cultura galega. Longa vida a esta cita imprescindible!"
Non sabía eu moi ben se deitar aquí as miñas reflexións sobre o Culturgal. E sigo sen estar segura. Máis cando leo a ledicia que supón que haxa máis visitantes e máis vendas có ano pasado. Pero esta fenda...


Tiven a sorte de participar nunha mesa redonda sobre os clubs de lectura convidada por Espazo Lectura: "Xestionar a lectura". Unha mesa ben interesante, por certo. Coa desculpa de asistir a esta, pasei toda a fin de semana no Culturgal, algo que non fixera nos anos anteriores, cando ía só unha tarde. Recoñezo que ía con medo por mor de ver os resultados desta crise pertinaz que anda a rematar co país. Pero non.
A min o que máis me gusta é o reencontro. Encántame pasear polos corredores da feira e ver e falar con xente que non vexo en todo o ano; saudar a compañeiros e compañeiras de carreira, comerciais, escritores, topar verdadeiros amigos, charlar, rir... o ambiente festivo contáxiase e semella que podemos esquecer os problemas coitás para encaralos á volta con  máis forza. Por suposto, asistir a tertulias literarias, escoitar música, abraiarme con novas propostas... todo forma parte da maxia do Culturgal.
Pero non vou negar que volvo tamén con desalento. Escoito a todos eses nenos e nenas que miran os libros en galego, que escoitan contos en galego, que admiran espectáculos en galego... falando castelán. E penso, novamente, que "isto do galego é unha batalla perdida". Tento compartir este sentimento tráxico da vida e atopo obxeccións, contradicións, e mesmo negacións. Ogallá sexan eles e elas os que leven razón, e non eu. Pero non podo evitar pensar que vivimos nunha sociedade enferma, ben enferma por certo, que queima os seus montes todos os veráns e que lla dá o lombo á lingua cada día máis; unha sociedade na que un xuíz administra xustiza dicindo que o "Prestige" non foi nada e na que os corruptos son uns heroes. Miro para eses papás e mamás que se dirixen a min en galego, que mercan en galego para darse a volta e dicir: "Toma princesa, ya te doy yo de mi agua" ou "Después a la noche te lo leo, ahora vamos a escuchar a ese señor". E eu tamén escoito a ese señor, que vén sendo Manolo Rivas, que nos le o seu último libro e nos fai gozar coa música que o acompaña, mentres a consternación de estar vivindo un momento ben singular me asolaga: estou rodeada de familias encantadas e encantadoras que non se dirixen xamais en galego aos seus fillos e fillas. 
E vólvome preguntar: "Pero este país ten futuro?"
E caio na máis absoluta desolación.

Pero volvo a este oasis laboral que supón dar aulas nos cursos máis altos do meu IES (nos corredores dos cursos de 1º e 2º da ESO resulta ben chamativa a castelanización destes últimos anos) e topo isto que me manda o meu alumno Alberto Fariña:



"Iso non é unha petición, é un manifesto. Non está feita para que ninguén a asine, está feita para botar un "berro" internáutico. Se ves que tal podes difundila:

Entón, é imposible non sorrirlle ao futuro. Porque el, e os seus compañeiros e compañeiras, son futuro.



8 comentarios:

Dept.Biblioteca dixo...

Comparto co teu permiso. Xa asinei podo difundilo entre os meus chic@s.

Ronsel dixo...

Moitas grazas, preciosa!

Martiño dixo...

Dicirche que hai futuro!

Na miña clase (Máster en turismo da USC) somos sobre 20 e máis da metade son galegofalantes

E contando que moitos son de fóra

Aparte diso, hai 3 neofalantes, cousa que me chamou moito a atención

Anónimo dixo...

Iniciativas coma a de Alberto son as que nos enchen o peito. A súa argumentación é tan sinxela como potente; e iso é precisamente o que cómpre para volver a poñer a agulla cara o norte.
Apúntome a ese berro internéutico!

Chousa da Alcandra

Ronsel dixo...

Moitas grazas por ese berro compartido!

DisneyGal dixo...

Gran comentario. A maioría dos pais que van ao Culturgal van polas actividades, tan escasas normalmente. Dálles igual que estean en galego ou en cantonés. E eles son os que enchen a feira. Sen nenos nin pais, estariamos a falar dun número irrisorio de visitantes. Só habería xente nos concertos, porque as presentacións de libros estiveron case sempre desertas. De todos xeitos, esta estratexia é válida se conseguimos polo menos que se vendan libros, etc. É a mesma estratexia dos centros comerciais que utilizan de gancho o entretemento dos nenos para vender. Outra cousa é o compromiso cultural con Galicia, que é case nulo, como vemos todos os días cando non hai culturgal. Que os nenos nos deixen ver a fraga deserta, por favor, e que cando o dedo sinale a lúa, non quedemos co dedo.

Anónimo dixo...

Estou totalmente de acordo co comentario. E engado que algunhas desas nais e pais que lles falan castelán aos fillos, dóeme moito dicilo pero é a realidade,son profas e profes de galego nos institutos e mesmo na universidade. Seguro que cada un de nós coñece algún caso. E se queremos que a situación cambie, nun momento en que carecemos de calquera outro apoio institucional,temos que empezar por aí.

Helena dixo...

Pois sigamos falandoo e defendendoo, non baixemos nunca as mans nin as voces.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.