Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014:
Hoxe
e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha
ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a
fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre
e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor.
Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos
que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario.
Rosalía
de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e
silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe.
Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana,
as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a
saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de
Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste.
E,
ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe
como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación
e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de
carácter burocrático. Moi pola contra: é un documento humano escrito con
sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz da poeta
captura todo aquilo que é digno de ser cantado. E esa dignidade comeza
pola restauración do uso escrito da lingua galega, convertida en símbolo
de rebeldía.
Desde
ese compromiso, padecemos a través dela os dramas dun pobo que sofre,
mais que nunca atopou unha pluma que o defendese. E ela, literata
consciente, converte a súa obra nunha casa de acollida para todas
aquelas mulleres invisibles que padecen maltrato e desprezo; e cede a
palabra a todas esas viúvas que tecen soidades, a todas as labregas que
loitan e non se renden, ás mozas que aman e ás que odian, ás que van
alegres de romaría e ás que collen con rabia a fouciña.
Non
reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non
debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun
cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move
os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén
que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles
que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o
corpo en cárcere, a liberdade en servidume.
E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro.
E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras.
E
por iso, desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua
Galega, querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano.
Querémola pola rúa e nas escolas, nos barrios e nos arrabaldes, nas aldeas e nas prazas, nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza.
Para que a súa voz ilumine o noso futuro, alta e clara como murmurio e como alento.
Ceiba coma sempre.
Nosa e de toda a cidadanía consciente de si mesma.
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2014
Carlos Negro, vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Sen comentarios
Publicar un comentario