Cando este ano fun aos actos que cada ano realiza o IES Rosalía de Castro de Santiago para outorgar os Premios San Clemente, namorei das palabras coas que unha alumna nos agasallou sobre o libro de Pedro Feijoo Os fillos do mar. E pedinas prestadas para que quedasen aquí. Claro, isto non sería posible se non contase coa axuda desinteresada da persoa que non dubidou en procurarmas, Rosa Gato, a quen desde aquí dou as miñas máis efusivas grazas.
Agardo que vos gusten tanto como a min:
Presentación de OS
FILLOS DO MAR na entrega do Premio San Clemente
Eu son...BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen di,
un ninguén. E ademais, pobre.
Así se presenta o protagonista da novela máis popular da literatura galega:
Memorias dun neno labrego.
51 anos despois, o eco desas palabras volven resoar na novela de éxito máis
recente: Os fillos do mar.
O meu nome é Simón. Aínda que tamén podería ser Nada. Se me
descoido, xa nin os amigos chaman.
Estamos
plenamente convencidos de que o noso autor galardoado, Pedro Feijoo, non está a
facer de forma consciente un paralelismo entre os dous protagonistas: Balbino e
Simón, pero no “océano da memoria” dos lectores hai correntes subterráneas que
conectan as lecturas máis recentes con outras que se fixeron anteriormente. Por
iso podemos ver en Simón un fillo daquel Balbino que herdou a condición de
Ninguén pero tamén a súa fonda humanidade e a súa xenerosa bondade. E, por suposto, a afección pola
aventura. Agora non se trata da rebusca de chapas no campo da festa senón de
tesouros que esixen máis risco coma o que se agocha na Boca do Inferno.
Os fillos do mar é, sobre todo, unha novela de
intriga e aventuras, centrada nun tesouro xenuinamente galego, o ouro de Rande,
pero coma as matrioscas, contén no seu interior outros xéneros narrativos. Hai
pinceladas de novela negra, evidentes no relato da policía e os narcotraficantes,
e moitas páxinas de novela histórica. Gozamos das aventuras dos dous protagonistas,
Simón e Mariña, pero tamén aprendemos moitas cousas sobre a represión na posguerra,
sobre o nazismo e a Batalla de Rande. E descubrimos que en Vigo houbo un arquitecto francés
racional e con bo gusto: Michel Pacewicz.
Aprendemos, Pedro, que ás veces é necesario levantar unha falsa fachada
para defender na trastenda unha causa nobre, como fixo Eneas coa súa empresa
Troia.
A novela engancha desde o primeiro momento, e como a samesuga que non é
quen de deixar de chuchar, nós tampouco dabamos abandonado as aventuras de
Simón e Mariña. Unha páxina pedía outra. O estilo áxil, marcado por unha
linguaxe sinxela e unha fina ironía, tamén favorece esa conexión intensa co
lector. E parécenos un acerto a organización da novela en escenas, porque
facilita a comprensión dos saltos temporais que se producen no fío da historia.
En fin, moitas grazas, Pedro, por converter en realidade o que sempre se di
da obra literaria: debe servir para gozar.
Nós gozamos moito, moito, con ela.
Sara Mouriño (ex-alumna)
E como Rosa é así de xenerosa, mandoume asemade a presentación que outra alumna realizou sobre Pedro Feijoo:
Presentación de PEDRO
FEIJOO na entrega do Premio San Clemente
Pedro Feijoo é de Vigo. Naceu vinte anos antes ca nós, en 1975. De pequeno
puido escoitar a voz e as historias dun dos grandes mestres da literatura:
Álvaro Cunqueiro. Coñeceuno a través de seu avó nas oficinas de Faro de Vigo.
Como sabedes, o escritor mindonense foi durante anos periodista e mesmo
director do xornal e o avó de Pedro, un dosredactores. Do autor de Merlín e familia herdou a navalla con que cortaba o queixo no
momento da cea e tamén o seu gusto pola fábula. Ademais de Cunqueiro, os seus
referentes creativos abranguen autores como Xulio Verrne, Dickens, Eduardo
Mendoza, Woody Allen e Suso de Toro, a quen considera o seu valedor e titor dos
primeiros pasos no mundo da creación literaria.
Pedro Feijoo licenciouse en Filoloxía, pero a súa vida estivo centrada no
mundo da música. Ademais de compositor e promotor, formou parte de dous grupos:
Los Feliz e Lamatumbá. Quen siga o Xabarín Club pode recoñecer a Pedro tocando
o baixo no videoclip A festa son eu, gravada por Lamatumbá para o programa da televisión de Galicia en 2011.
Escoita, Xabarín! / Teño unha festa no
meu peito que é o motor da miña vida...
Comeza así a canción do videoclip, por se alguén quere facer memoria. Sobre
o panorama musical galego escribiu en 2005 o libro Viva o Fu Remol.
No ano 2012 veu a luz a súa primeira novela: Os fillos do mar. A obra tivo un parto excelente. Como se
adoita dicir popularmente, foi chegar e encher. Ademais dos galardóns, novela
finalista dos Premios Xerais 2011 e posteriormente Premio San Clemente, a obra
tivo unha excelente acollida por parte do público e da crítica. Nestes momentos
vai na súa sexta edición. Hai 3 meses publicou a súa segunda novela: A memoria da choiva.
Estes son os datos autobiográficos, pero como é o artista que se agocha
detrás do autor Pedro Feijoo? Na cabeceira da súa conta de Twitter ten escrita
a seguinte lenda:
Pirata, psicópata e ladrón. Só na
escrita. De momento...
Quen lea a súa obra literaria non tarda moito en descubrir que detrás do
escritor de carne e óso se agocha un aventureiro que non ten ningún
remordemento para usar as naves da ficción e entrar nas mentes dos lectores e
roubarlles o seu tempo e incluso o seu sono. Iso foi o que sentimos nós cando
lemos Os fillos do mar:
que a súa historia nos
roubaba ata o sono.
Desa novela que te trouxo aquí, Pedro, imos
falar agora.
Clara Durán
(ex-alumna)
Sen comentarios
Publicar un comentario