Con puntualidade británica está aquí a nosa colaboradora Carme Moure para comezar o mes de abril. Desta volta vénnos falar de Maternosofía.
Hai
temas excesivamente sacralizados aos que, de cando en vez, paga a pena someter
a un proceso de desmitificación. Isto é o que acomete Inma López Silva en Maternosofía (Galaxia, 2014).
Adoptando a
forma do diario, a autora relata, desde o minuto cero, a experiencia da
maternidade, con todas as súas fases; por iso, na obra conviven medos e
dúbidas, síntomas e indecisións, probas clínicas e consellos que non sabes se
atender ou non, a determinante escolla do nome, a proeza de atopar roupa
acaída… Tamén se trata o difícil que resulta non transixir ante determinados
convencionalismos sociais, o momento habitación,
o sexo, o parto… En resumo, todo un rosario de vivencias que se transmiten
con sentido do humor e naturalidade, o que converte a lectura nun acto
pracenteiro, tanto se es nai/pai coma se non, porque os risos están asegurados.
Mais, o que
destacaría do libro é o momento no que Inma reflexiona sobre se o feito de ser
nai pode chegar a anular a súa condición de muller independente, e conclúe que
non. Como moi ben afirma, “a min na casa
non me educaron para ser unha nai abnegada”, pero si ten claro que “o que de identidade lle vou proporcionar á
miña filla non é o feito de que poida parir no seu día, que con iso xa nace,
senón a súa capacidade como ser humano para pensar e razoar máis alá das súas
condicións físicas”(páx. 66).
E unha das
dúas frases que subliñei durante a lectura da obra e coa que, seguramente,
concorden todas a nais e pais que a lean é a que di: “ Só teño unha certeza: sempre terei medo por ela”. Pois si, aí está,
sempre, coma unha sombra latente e, en ocasións, desacougante, pero que, a
cambio, agasalla sobradas recompensas.
Beizóns para esa “ alegría que leva o nome de Sofía”.
Sen comentarios
Publicar un comentario