Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/04/14

Moda Galega Reloaded

Fíxome ilusión achegarme a esta nova entrega poética de María Reimóndez que publica Edicións Positivas: unha revisitación daquel Moda Galega de hai doce anos. Pero o que non sabía era a gratísima sorpresa que me agardaba na páxina 50: a autora recolle as palabras que da lectura deste libro fixo a alumna silledense Lucía Domínguez Mato no meu blogue d'As estelas dos Ronseis.A autora explica que incluír textos deste tipo é unha homenaxe ás persoas que o acompañan e o len. E eu estou, dende logo, encantada!
O libro volve ser unha crítica ao contexto sociopolítico en que nos movemos. Topamos ese berro necesario contra un capitalismo que nos está destrozando baixo a prisma dun patriarcado que non damos tirado do lombo. A cirurxía estética está presente no libro como o está na sociedade, como unha forma de maltrato das mulleres. Un maltrato real, non inventado, que xorde en forma poética como denuncia da esperpéntica realidade que semella non conmovernos senón a topamos escrita. 
Un poemario que aposta porque as mulleres, nós, repensemos a nosa identidade.

Poñer a felicidade
na beleza estándar do corpo
é apostar sempre
a cabalo perdedor.
Pois o tempo pasa
e non se detén
no seu único camiño
cara á putrefacción.






Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.