Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/05/14

Agroma a esperanza

Quen me coñece ben sabe que, por desgraza, funciono moi a última hora e que durmo moi mal; este feito axuda a que pase o tempo desas noites en branco cavilando. E como non podía ser doutro xeito sucedeu igual a noite do martes para o mércores: era este día o sinalado para ir con Denise e Alba a copresentar o libro de Rosa Aneiros
A verdade é que tiña máis ou menos enxergado o meu texto introdutorio, unha "laudatio" de Ámote Leo A., un texto típico na presentación dun libro. Pero o desvelo desa noite conduciume a cavilar por outros lugares ben afastados: non debía ser eu quen falase do libro senón as miñas alumnas. Coidei que eu debía presentalas e falar do que para min supón estarmos as tres alí.
Este é o texto que dunha soa pincelada saíu ao me erguer antes de ir traballar, o texto que emocionou a Alba ata as bágoas (graciñas) e ao sorriso pícaro de Denise. Non sei se foi axeitada a elección, seguramente Rosa Aneiros nunca mo dirá!



É para min un honor estar aquí hoxe con Manuel Bragado e Rosa Aneiros. Grazas a ambos por convidarme a compartir esta presentación. Pero, permitídeme,  é un honor estar aquí hoxe por compartir mesa con dúas alumnas: Alba Moreira e Denise Varela. Así que o agradecemento vese triplicado: moito lle debo hoxe a Rosa por convidarnos a todas, por darlles esta oportunidade extraordinaria a estas dúas miñas alumnas que, senón agora, entenderán a importancia despois.
Vén Manuel Bragado de acuñar un novo termo para a xeración de escritores e escritoras á que, segundo el, pertence Rosa Aneiros: a xeración da esperanza: aqueles que iniciaron o seu vieiro co novo século. Esperanza nun futuro literario que se augura espléndido a teor dos escritos cos que gozamos actualmente froito do seu traballo, coma este que hoxe nos reúne, Ámote Leo A. Esperanza porque con elas e eles sabemos que a Literatura Galega vai ser vizosa e de calidade.
Pois ben. Alba Moreira e Denise Varela tamén conforman para min unha xeración de esperanza. Esa esperanza miña que murcha cada día cando aterro no mundo real -fóra das aulas- onde os valores permanecen esquecidos mentres somos gobernados pola corrupción. Esa esperanza murcha volve a florecer cando oio e comparto aulas con alumnado como Alba Moreira e Denise Varela. Ambas son galego falantes, de berce e de convencemento. Por iso, cando as oio defender a nosa lingua como única opción para a súa supervivencia, agroma a miña esperanza. Cando as oio falar con entusiasmo dunha das súas lecturas, agroma a miña esperanza. Cando vexo os seus ollos brillar de entusiasmo, agroma a miña esperanza.
Cando o curso pasado volvín para dar aulas ao IES Pintor Colmeiro de Silleda decidín formar un club de lectura que xirase arredor da igualdade da muller. Alí estaba Alba. Non tiven que porfiar, simplemente apuntouse. E vina medrar nese club. Vina madurar con cada nova lectura. Este curso, sorprendeume: foi ela quen decidiu que libro deberiamos ler e foi ela a que presidiu despois esa reunión. Quería ler sobre Malala, unha moza que defendeu que a muller ten dereito á educación coa súa propia vida. Vin a Alba emocionarse falando da súa valentía e vin como Alba decidía, ademais, levar esta sesión do club a toda a súa aula por medio dunha exposición dunha materia. Alba lectora, Alba defensora dos dereitos da muller, Alba sempre en galego.
Denise veume envolta nun paquete de agasallo este curso en 1º de bacharelato. Non lle dera aulas con anterioridade. Benditos xens! A súa nai forma parte do club de lectura de adultos que levo no concello de Silleda. Se unha muller me para no medio da rúa para dicirme emocionada que está namorando de Celso Emilio Ferreiro grazas á lectura da súa biografía, maxinade como pode ser a filla. Denise namorou de Rosa Aneiros e o seu Ámote Leo dende un principio. Cada día comentábame sobre o libro. Cando o rematou, foi ela quen me suxeriu, ou case me impuxo, que había que seguir coa triloxía como lectura obrigatoria: era si ou si. Unha Denise emocionada que propuxo que puxeramos o nome da súa aula a Rosa Aneiros. Denise levouse de paseo a Ámote Leo por Roma en canto soubo que a protagonista viaxara ao mesmo lugar que ía visitar. E foi quen de percorrer as rúas romanas da man da súa protagonista. Ambas, Denise e Leo, cinguidas nunha aperta lectora. Pero esta mesma Denise descubriu despois a escrita de Manuel Rivas e seguiu emocionándose. Que máis podo pedir?
Non sei que ocorre nas cidades, pero aos que vivimos no rural sucédenos algo estraño coa nosa personalidade, pasando por varias etapas: Primeiro somos “fillos de”, que responde a ese famoso “e ti de quen vés sendo?”. Logo somos “nai de”. Eu, seica, agora son “esa profesora de pelo branco”. Si, son Gracia Santorum e son profesora. Profesora do ensino público. Ese que nunca poderán recortar por moito que o intenten porque nel habitan e se constrúen persoas como Alba Moreira e Denise Varela.  Son elas as que hoxe van falar do libro e as que van dialogar con Rosa. 
Por iso, eu só quero escoitalas. 

Ao día seguinte, Bragado recolle parte do meu espazo: seica somos quen de compartirmos esperanzas. Quero darlle as grazas por tantas oportunidades!

2 comentarios:

Voz en off dixo...

Noraboa!!!

María Ángeles Roca López dixo...

Que texto máis fermoso, Gracia!!! Parabéns a todo@s!!!!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.