Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/06/14

Bartleby, o escribente

 
Unha desas obras claves da Literatura Universal é este texto de Herman Melville que publicou Xerais non hai moito: Bartleby, o escribente. Bartleby é un personaxe estraordinariamente orixinal para un libro estraño, simbólico e breve que di moito máis do que parece. 
Moito se ten escrito sobre este personaxe. Para os filósofos é un escéptico, para os relixiosos un místico, para os políticos un antisistema, para os psiquiatras un paranoico. Ou sexa, Bartleby éo todo e desafía tanto a lóxica como a psicoloxía.
O que si está claro é que nada sabemos del. É unha personaxe hermético e pasivo que morre de inanición. A súa máxima é "Preferiría non facelo". Pero cal é a causa para que exista sempre esta resposta? É o único personaxe que non se inmuta, que nin sente nin padece, que non cambia de humor, que permanece impasible ante os cambios de humor dos outros personaxes do libro. Quizais un símbolo da alienación, do ser humano detido ante unha morea de papeis sen rastro de humanidade. A anguria dos datos.
E aí queda a expresión: "ser un Bartleby": unha persoa que ve a vida pasar.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.