Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/07/14

El piloto y el Principito

 
Por fin teño a última marabilla de Peter Sís, un autorilustrador a quen lle teño verdadeira devoción. Estou a falar de de El piloto y el Principito publicado por Sexto piso. Estamos ante unha biografía ilustrada de Antoine de Saint-Exupéry. Entre as vizosas ilustracións que caracterizan o estilo de Peter Sís temos un claro e sinxelo texto, a narración principal a pé de páxina, que conta a vida do aviador. Pero, ollo, non nos deixemos enganar: a importancia da ilustración vén dada asemade porque alí se nos traza unha cronoloxía moito máis complexa que vai desde a orixe da familia de Saint-Exupéry, aos seus primeiros traballos, os voos, a súa paixón por contar historias, a guerra e, finalmente, o fatal accidente.
Pero se algo sobresae son, xaora, as ilustracións a dobre páxina que significan un despregue visual enorme, como non podía ser doutro xeito: mapas, horizontes, soidades, paisaxes, guerras... todo cabe nas ilustracións, sentimentos perdidos, sentimentos que procuramos, poesía. Tanta poesía encerrada nestas páxinas que nos resultan ben escasas. Peter Sís logra plasmar nas súas ilustracións a fascinación pola vida que sentía Saint-Exupéry, a súa alegría por voar, os seus sentimentos de amor pola aviación e a liberdade que esta lle procuraba. Os mundos dun autor recreados xenialmente por outro. 
Así que si: fascinación absoluta.



1 comentario:

María Jesús dixo...

A min tamén me gusta moitísimo Peter Sis (outra coincidencia que temos). Son unha fan incondicional de Madlenka. Cando lle deron ao autor o Premio Andersen pensei que reeditarían os seus libros descatalogados, pero non foi así.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.