Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/08/14

Claus y Lucas



Se procurades unha lectura "compracente", este non é o voso libro. Se o que queredes é unha Literatura núa, homicida, este si que é o voso libro. Non vou afirmar que é imprescindible. Non sei se existe unha lectura que se poida denominar con ese calificativo. O que si sei é que non vos vai deixar indiferentes. É terrible. A editorial El Aleph reúne nun só volume, co título Claus y Lucas, tres novelas de Agota Kristof: El gran cuaderno, La prueba, La tercera mentira, xa que, efectivamente, as tres teñen como protagonista unha parella de irmáns xemelgos refuxiados por causa da guerra. Uns irmáns que se afastarán a causa do Telón de Aceiro.
A lectura destes libros deixa demudado ao lector/a. Cun estilo nu, cruel, despiado, que reflicte a inhumanidade máis humana das guerras e dos totalitarismos. Non hai piedade, non hai amor, non hai conmiseración. Di a autora: "non podo volver a ler os meus libros, porque férenme de verdade”. 
Das tres novelas curtas, a que máis me impactou foi a primeira. Resulta sobrecolledora. Os dous irmáns son acollidos na casa da súa avoa materna, un personaxe que xamais esquerecedes: nela non existe un só rasgo que permita a bondade, o cariño. Todo é maldade e perversión. E eses nenos aprenderán a non chorar, a non sufrir, a ser xordos, cegos, inamovibles. Aprenderán a ser inhumanos. Esta parte está escrita en presente e en plural. Os xemelgos máis que ser dous son un, tal é a súa identificación. Escritura curta e cortante.
Na segunda parte temos un narrador omnisciente que nos fala da soidade dun dos irmáns e onde o antisentimentalismo segue a ser a nota predominante. O réxime totalitario no que vive está presente con absoluta normalidade, é o escenario axeitado.
A última parte é con moita diferenza a peor para min. Nesta terceira parte saltamos do presente ao pasado, da primeira á terceira persoa. Propón unha visión completamente diferente de todo o que leramos ata entón para provocar no lector a dúbida necesaria sobre a verdade e a mentira. Cal é en realidade a verdadeira versión? Esta terceira parte é a que se encarga de facernos dubidar de todo o que leramos anteriormente. Xa digo, para min a que resulta prescindible.

En fin, unha obra de poderío. Unha obra cun gran poder. Unha obra que nos fala da nosa propia fraxilidade como seres humanos. Unha obra indeleble. Máis triste cá vida? Ou tanto.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.