Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/09/15

Rastros con enrugas

Hoxe presentamos en Lalín Rastros con enrugas, aínda non sei por que o seu autor Xoán Carlos Domínguez Alberte me elixiu a min para estar con el. Pero así será. O libro está publicado por  Edicións Corsárias

Un libro que sorprende pola reivindicación que supuran todos os seus versos. Porque a poesía de Xoán Carlos está inzada de chamamentos a unha parte xorda da poboación: aquela que goberna. O seu compromiso social destaca por riba de toda cuestión poética, e iso agradécese; agradécese a súa ollada crítica sobre a dor que o tempo que estamos a vivir procura e agradécese a denuncia que realiza, sinalando claramente os culpables de tanta dor. Asemade, a súa conciencia social e política faino solidario e defensor do público, atendendo especialmente á Educación –da que el forma parte como profesor de ensino secundario- e á Saúde.
O libro vai debruzando pouco a pouco e con ironía a realidade que nos tocou vivir. Non marcha lonxe nin a outros tempos. O autor sabe ben que desta volta a realidade supera á ficción e ten suficiente material para falar del na súa poesía. Por iso comeza o libro cunha dedicatoria ben especial: “A todas as vítimas da pobreza do capitalismo do capitalismo da pobreza”. Canda esta temos que facer mención a outro detalle que, cando menos a min, resultoume ben chamativo: a cantidade de citas e de fragmentos poéticos que salfiren o texto, coma se dun acompañamento propio se tratase; voces que se unifican nun clamor de denuncia social, de compromiso que, coma latexos, se incorporan ao texto que nos ofrece o poeta.
A denuncia poética que estamos a ler fere, como fere a realidade, e Xoán Carlos olla criticamente o día a día dunha sociedade que non sabe enfrontar a violencia sutil á que é sometida, e pola que el sofre dende a súa perspectiva poética. De aí que o seu mirar repouse en todos os espazos posibles: hospitais, colexios, accidentes… o rural que desaparece o a lingua que sofre baixo o estigma da supremacía doutra.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.