Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/10/15

Compota de manzana

Con texto e ilustracións de Klaas Verplancke, publica Ekaré este tenro álbum chamado Compota de manzana, que conseguiu o Premio ao Mellor Álbum ilustrado polo Gremio do Libreiro de Madrid.
Os lectores e as lectoras estamos bastante acostumad@s a ler álbums onde se enxalza o valor da maternidade, porén este libro fala da paternidade e da marabillosa relación que se establece entre un pai e un fillo. Un fillo que non só é protagonista, senón tamén narrador, e que nos conta a cantidade de posibilidades que lle agasalla o feito de ter un pai e facer actividades xuntos; aínda así, o pai tamén ten mal xenio e ata pode dar medo, pero os bos momentos sempre gañan e están por riba destes pequenos "despistes" paternos. E é que ter un pai, así, dende que se nace, é ter un olor especial a fogar.
Xunto co texto, as ilustracións percorren o mundo fantástico do narrador, sendo máis ca elocuentes, e provocando sempre sorrisos familiares. Porque a vida cotiá é fermosa, e así nola amosa este álbum.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.