Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/11/15

Europa Express

Este ano 2015 o Premio Jules Verne de Literatura recaeu en Andrea Maceiras con este seu libro que agora ve a luz, Europa Express, que publica Xerais. Un grupo de amigos e amigas que viaxan ao rematar os estudos de Bacharelato. Un grupo de amigos, dez anos despois. Están todos e todas, agás un. Que é o que pasou? Por que xa non está? Pouco a pouco imos sabendo algo máis arredor deste amigo desaparecido, mentres imos escoitando as voces de cada un/unha d@s protagonistas. A súa propia versión, a súa forma de ser, a súas arelas na vida, as súas conquistas, as súas olladas cara a atrás e tamén aquilo que os une, unha vella amizade, e un punto en común que preocupa, a morte temperá. A culpabilidade como sombra, o silencio como remedio ineficaz, a dúbida como reflexión. Sobrevoa a necesidade de pór en común os pensamentos, as arelas, as inquedanzas. A forza da palabra. Esa forza será a única capaz de desenmarañar a tormenta iniciada por un silencio culpable que non permite ver a luz con claridade.
A novela vai gañando a medida que avanzamos na lectura. Así como outras veces ocorre o contrario, coido que a maior forza do libro está cara ao final, cando realmente o lector, a lectora, séntese involucrado e desexa, asemade, construír a realidade. Non todo é o que parece. Está claro que a autodestrución é a peor opción que a vida aconsella.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.