Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/12/15

Non á violencia contra as mulleres (CDXLIV)

1 billion



Hoxe traemos o traballo realizado na Biblioteca do IES “Lucus Augusti”:
A campaña “1000 millóns en pé” preséntase como a acción de masas máis grande da historia da humanidade para acadar o remate da violencia contra a muller.
Comezou en 2012, no día de San Valentín, e coma unha chamada de atención diante do feito de que, estatísticamente, 1 de cada 3 mulleres no planeta sufrirían durante a súa vida algún tipo de violencia física ou sexual. Se a poboación mundial é de 7 000 millóns de pesoas, aproximadamente, isto indicaría que o número total de vítimas chegaría a uns 1 000 millóns de mulleres e rapazas. De aí vén o nome da campaña. Cada mes de febreiro, por todo o mundo, moreas de mulleres póñense en pe, cantan e bailan para demostrar que a alegría é máis forte e poderosa que a violencia. Podes ter máis información, premendo sobre a imaxe.
Neste ano, e nestes días, nos que a violencia de xénero continúa a golpear, pareceunos importante, especialmente dende o ámbito educativo, empregar esa campaña para contribuír co noso apoio.
Así, o pasado 25 de novembro, realizouse unha flashmob na que se cantou e bailou “Break the chain“. Unha peza escrita e producida por Tena Clark, con música da propia Tena e Tim Heintz e coreografía de Debbie Allen.  De seguido tedes o resultado.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.